Entrevista a Ledicia Costas na Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como levas adiante o processo de criação literária?
– Ledicia Costas (LC): Son moi instintiva. Parto dunha idea moi xeral e imprecisa que vai collendo forma a medida que escribo. Nunca conto cun plan inicial, aposto pola liberdade. Deixo que os personaxes configuren a súa personalidade devagar, ao ritmo da historia. Paso moitas horas diante do ordenador, dedicándome só a pensar. Escribo a medida que penso. E case nunca volvo atrás, sempre vou cara adiante. A trama vai encaixando como por arte de maxia a forza de escribir e pensar, pensar e escribir. (…)
– P: Como ves a literatura galega nestes momentos?
– LC: Esta pregunta é difícil de contestar. Intentando sintentizar a resposta, por un lado coido que estamos nun momento de eclosión, onde non deixan de agromar novas voces que irrompen con forza. Iso é fantástico porque garante o futuro da nosa literatura, polo menos a medio prazo. Mais existe unha especie de pesimismo histórico que pesa demasiado. Arrastramos desde moi atrás un discurso negativo que coido que cómpre transformar para empezar a construír en positivo. Creo que é necesario tomar conciencia de que en galego tamén podemos voar e chegar lonxe. E, malia as dificultades engadidas que ten escribir nunha lingua minorizada como a nosa, o esforzo paga moito a pena.
– P: Fala-nos da revista Criaturas…
– LC: Criaturas naceu coa vontade de ser unha publicación especializada en literatura infantil e xuvenil. Un tellado baixo o que abeirar a escritoras, ilustradores, críticas, libreiros, bibliotecarias… e a todos aqueles axentes e persoas que traballan a prol da LIX. Falando con Daniel Landesa, de quen partiu a idea inicial e que botou a andar toda a web e a parte visual do proxecto, e tamén con Montse Pena, crítica especializada en literatura infantil e xuvenil, chegamos á conclusión de que era necesario crear unha ferramenta centrada na LIX, que puidese ser de utilidade a docentes, bibliotecarias, etc., ademais de contribuír a visibilizar a todas as persoas que traballan neste eido. Ao longo deste mes de decembro sairá un especial de nadal que vén cun suplemento que pretende ser un agasallo literario. E a primeiros de abril de 2016 lanzaremos un especial dedicado ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Criaturas débelle todo ás persoas que, de xeito totalmente desinteresado, colaboran en cada número e tamén no material que achegamos á web.
– P: Que perspectiva tens sobre a língua galega -a sua situação, a sua vinculação com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia), etc.-?
– LC: Somos unha resistencia. Como país e como cultura. E cústanos poñernos de acordo. Ás veces semella que se nos esquece que sumar é positivo. Xeograficamente estamos moi preto de Portugal. Mais eu, ás veces teño a sensación de que estamos moi lonxe. Ignoro cal é a vía para acurtar distancias. Talvez deberíamos empezar polo máis básico: polo respecto mutuo. (…)”