Entrevista de César Lorenzo Gil a Iván García Campos en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Este novo libro [Cuestións vitais secretas] vai na liña estilística da súa novela anterior. Pódese dicir que xa atopou a súa voz?
– Iván García Campos (IGC): En efecto, penso que entre un volume e o outro hai enormes diferenzas en canto aos temas e ás ideas que eu vertín en cada un pero si penso que unha vez comparados os dous textos, pódese dicir que teñen en común a miña voz, a miña maneira de escribir. E será que ese é o meu xeito de narrar e é lóxico que apareza en todos os meus textos. (…)
– B: O concepto literario pasou a ser sinónimo de minoritario, pouco exitoso nas tabelas de vendas. Os catálogos das principais editoras galegas locen “narrativa literaria” como unha excepción, non coma regra. Non sei se apetece poñerse a escribir literatura con este panorama.
– IGC: Penso que a literatura galega, polo seu papel minoritario na cultura da sociedade galega, sofre dunha invisibilidade xeneralizada, en todos os xéneros. Se fas un tipo de narrativa coma a miña, que en efecto non atrae moitas vendas, pois sitúaste ao pé do barranco. Pero é que a literatura é isto. Mentiría se dixese que non me gustaría vender máis pero non vou cambiar nada por gañar un lector, iso non é o que me importa. Hai anos díxome Bieito Iglesias: “Para vender algo máis ca o resto en galego hai unha dupla fórmula que segue a funcionar: escribir unha trama de aventuras, que conteña viaxes e cambios, dentro dunha estrutura que poida ser seguida tanto por mozos como por adultos”. Non sei se ten razón pero aplicar fórmulas é o contrario á arte. Na linguaxe artística, a repetición é considerada unha banalidade e o artista debe fuxir sempre do banal. (…)
– B: E ese compromiso coa literatura dáse na literatura galega actual?
– IGC: Antes falaba da bifórmula comentada por Iglesias. Non era unicamente unha coña. Ás veces dáche a sensación de que colles cen novelas de autores distintos que parecen escritas pola mesma man: tramas semellantes con poucas variacións, un modelo de lingua case idéntico, trama clásica, técnica estándar… É curioso que este modelo tan industrial estea a funcionar nun mercado coma o noso tan minoritario que quizais debería invitar a buscar novas vías, tanto para se diferenciar como por mor de que non hai nin posibilidade nin necesidade de saciar un lectorado que está desexoso de devorar e devorar novos produtos. Xusto porque aquí case ninguén vive da escrita, si que me estraña que non haxa máis atrevemento, máis compromiso coa literatura como arte. Ás veces vexo cousas moi antigas. (…)”