Xabier P. DoCampo estrea no CGAI un filme que rodou hai 33 anos

DesdeXabierDoCampo 2 Sermos Galiza:
“Este sábado no CGAI da Coruña proxéctase a curtametraxe Na outra beira das augas grandes, que o escritor Xabier P. DoCampo rodou hai 33 anos para un curso de cinema e que agora vén de recuperar e reescribir a historia.
O pase do filme será o sábado 20 ás 18 horas e incluirá unha conversa posterior co escritor, aquí no rol de director e guionista. A fita foi estreada no pasado Culturgal, cando Docampo sorprendía a propios e estraños dando a luz un filme que rodou hai case 44 anos na Costa da Morte. Titúlase Na outra beira das augas grandes e é unha adaptación dunha lenda dos Pés Negros americanos que lle pareceu ao autor “unha marabillosa metáfora desa emigración galega, eses homes e mulleres que foron buscar a vida á outra beira do océano”.
“Isto nace da miña paixón por contar historias e por que mas conten”, explica Docampo. “Eu amo o feito marabilloso de contar historias, non é que non me importe o medio polo que se contan, pero persigo por riba de todo a fascinación que asolaga a miña alma ao aprehender a emoción dunha historia ben contada. E iso é o que pretendín con Na outra beira das augas grandes”.
A orixe da fita remóntase a 1981, cando Docampo, xunto con outros compañeiros, participaron nun curso de cinema e, como parte del, tiñan que rodar un filme. El, como non podía ser doutra maneira, teimou en facer un guión para nenos e nenas que foi seleccionado e comezou a gravación en diversos lugares da Costa da Morte tendo como protagonistas aos actores Miguel Pernas e Maruchi Olmo. Sen embargo, os cartos rematáronse e aquela fita gardouse nun armario “coa condición de que o montaría cando tivese posibles, pero nunca os tiven e alí ficou durante case 33 anos”.
En 2013 Docampo abriu a gaveta de novo por mor da morte de dúas persoas do equipo e decidiu levar adiante “un acto de lembranza e xustiza” con todo aquel equipo e aquela xente coa que se embarcara no proxecto. “Mirei todo aquel material, que eran 3 horas e media e dixitaliceino. Logo empecei a darlle voltas para ver como podía reformar o guión”, explica Docampo.
“Pero xa non podía contar a historia tal e como estaba pensada daquela, entre outras cousas, porque eu xa non era o mesmo”, admite. Así que fixo un novo guión, rodou secuencias novas e pasou a ser “un conto narrado” desde a actualidade contado polos propios Pernas e Olmo actuais e coa participación dunha actriz infantil. “Rodamos as novas secuencias en abril e maio e montamos o filme completo”, relata. Para iso contou cun novo equipo que incluía aos dous actores protagonistas, a Carlos Amil na montaxe, Daniel Puente na produción e ao grupo Quintas Canella na música.
O escritor quixo conservar o espírito inicial do filme: “Non podía converter aquilo mediante o uso de técnicas actuais nun artificio que tapara a realidade daquel momento inicial, era necesario mostrar aquel alento narrativo, con todas as súas torpezas e dúbidas para que o produto fose o reflexo daquela realidade”. Así que o filme mantivo o material de 1982 tal e como se realizara, sen cambios, sen corrixir o deterioro do paso do tempo nin o formato.”