Entrevista a Beatriz Maceda Abeleira en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Como dicíamos anteriormente, publicou no 2012 o seu primeiro libro Man, o alemán de Camelle, que é que lle atraía da figura dese artista e anacoreta para escribir sobre el?
– Beatriz Maceda Abeleira (BMA): Gústanme moito as persoas como Man. Penso que son elas, as menos mediáticas e que non saen todos os días nos medios de comunicación, as que fan deste mundo un lugar aceptable.
Man, ademáis de ser un gran artista, transmite moitos valores importantes: como podemos vivir con moito menos, o respecto á natureza, a coherencia, a tenacidade… (…)
– FL: O pasado ano publicou O álbum de Garrincha (Galaxia), onde mestura integración social e fútbol. Como nace este libro?
– BMA: Este libro nace no patio dun colexio, e cuns alumnos e alumnas que tiven o pracer de estar con eles durante dous cursos no colexio de Carral.
Tiña unha clase con nenos e nenas de moitos países, e vivín as súas dificultades para integrarse. Mais tamén descubrín que o fútbol é un elemento unificador moi rápido, que rompe a primeira barreira. (…)
– FL: A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?
– BMA: Os dous libros que teño publicados están ilustrados por Laura Veleiro, que ademais de ser a miña amiga, é unha gran ilustradora. Unha persoa moi traballadora, comprometida e responsable.
O feito de que sexa a miña amiga fai o traballo mais doado, xa que nos entendemos moi ben.
Os ilustradores son fundamentais na literatura infantil e xuvenil. A determinadas idades os nenos e as nenas non collerían un libro se nón ten ilustracións, aínda máis, é o primeiro que miran.
É marabilloso que alguén debuxe as túas palabras, que lles dea forma, cor.
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– BMA: Todo o que leo e o que escribo faime crecer como persoa, vivir moitas vidas. É un privilexio.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este traballo?
– BMA: Conquistar as lectoras e lectores. Cando publicas un libro, a exposición de ti mesma é moi grande, xa que sempre hai moito de ti en cada un deles.
Tamén as dúbidas, os temores, que sempre van unidos ao proceso creativo. Cando te atopas con esa frase que as palabras son incapaces de expresar. (…)”