O venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza un acto conmemorativo do cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo, que servirá para dar noticia do proxecto de publicación dunha nova obra que o mestre de Morgadáns deixou inédita: Contos Pequenos, un opúsculo que lle regalou a Hixinio, fillo dos seus amigos Antón Beiras e Antía Cal. Participarán no acto Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo.
No mesmo acto será convocado o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, rescatado da súa máis que posible extinción polo concello de Gondomar, que asume integramente a dotación do premio e os demais gastos de xestión.