Silverio Cerradelo impulsa o proxecto na rede A Chave.
Segundo as súas palabras:
“O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e, antes polo contrario, que sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.
E logo, por que A Chave?, por que este nome? A Chave quere abrir portas e achegar luz. É un dos propósitos da Chave que a cidadanía sexa máis consciente da dimensión comunicativa da lingua galega, da súa riqueza léxica e expresiva. Que a cidadanía poida ter chaves para entrar nunha nova dimensión lingüística e descubrir o pracer de se comunicar en galego.
Para principiarmos o proxecto da Chave procedemos á compra do dominio achave.gal, que nos parece o máis apropiado para a parte do proxecto que se desenvolve na Internet. A pesar de que aínda habemos tardar anos en atinxir os obxectivos máis importantes, dispomos xa do noso nome no .gal e podémoslle mostrar ao mundo esta presentación e uns contidos introdutorios.
No actual sitio web, alén das liñas máis importantes que definen o proxecto, vai encontrar algúns recursos léxicos elaborados pola Chave e algunhas ligazóns da Internet que nos parecen ben interesantes para o coñecemento da lingua galega e da realidade galega e do mundo, en galego. Os recursos elaborados pola Chave comezan con diversos léxicos relativos á fauna e á flora, que é unha das liñas que se desenvolven no proxecto. Nos vindeiros anos, estes recursos léxicos vanse ir acrecentando tanto nese como noutros ámbitos.
Na súa actividade, A Chave baséase nas Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega (NOMIG) aprobadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega no ano 2003. A partir de aquí, A Chave achega as súas preferencias ou propostas na escolla entre dúas ou máis opcións válidas, no tratamento dos empréstitos lingüísticos (palabras que se toman doutras linguas) ou no ámbito da terminoloxía (ou linguaxe de especialidade).”