Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Acompañamos o luns 2 de maio a Mercedes Queixas na presentación do seu libro De pergamiños, follas voandeiras, libros ao punto gal na Feira do libro de Santiago, un evento sempre polémico que este ano coincide na Alameda co balbordo das festas da Ascensión e con outros actos importante da programación cultural compostelá. Mercedes Queixas comezou a súa intervención lembrando que a orixe deste ensaio estivo na Breve historia da literatura galega que publicara en 1999 en Edicións A Nosa Terra. “Aquel foi un punto de partida, un traballo actualizado agora coas novas ferramentas que nos últimos quince anos foron xurdindo na investigación literaria galega”. “Esta obra pretende ser un paseo, apenas un petisco antes de adentrarse na literatura galega. Aquí están esbozados os camiños da nosa literatura nun rexistro propositadamente divulgativo para un lectorado curioso que quere coñecer o seu papel no ámbito da literatura universal”.
Lembrou a autora que escollera un poema de Manuel María no que fala do poema como un ser vivo coa intención de considerar tamén como tal a literatura galega. “Así o quixen expresar no propio título, que expresa diversos momentos históricos dun proceso que se alongou desde hai oito séculos. A miña intención foi ofrecer unha panorámica sintética de cada etapa coas súas pautas. Utilicei ao comezo do libro dous poemas de amor, unha cantiga de amor de Airas Nunes e un poema de Berta Dávila, para expresar este camiño de oitocentos anos”. “A obra constitúe unha panorámica moi aberta e sintética, onde non hai espazo para facer unha relación de datas, nomes e obras. Porén, había que ofrecer un relato da historia literaria galega, o que supuxo un reto”. Referiuse, despois, Queixas as razóns polas que o libro estaba dedicado ao seu alumnado, cando ela mesma entraba na maioría de idade docente. “Era moi importante ter en conta un destinatario para unha obra con este afán didáctivo e divulgativo”.
A seguir, Mercedes Queixas salientou que pretendeu incluír os avances que nos últimos quince anos se produciron na investigación literaria galega,como tamén que aparecesen os nomes silenciados, os que neste relato semellan sempre invisibles. “Hai por iso unha razón propositiva na presenza de mulleres, dende a Idade Media, até as voces máis contemporáneas como a de María do Carme Kruckenberg, a xéneros como a literatura infantil e xuvenil ou a toda a rede de tradución tan importante para a proxección internacional da nosa literatura.”
Rematou Queixas referíndose a fraga de diversidade de xéneros da nosa literatura, metáfora de biodiversidade recollida no booktrailer que para a obra preparara Distrito Xermar. “Esta é unha historia felizmente inconclusa. A historia literaria galega é un proceso vivo no que estamos autoxenerando novas formas de expresión.” Concluíu a autor aconfesando que “a escrita deste libro foi para min un refuxio, un xeito de GPS na procura da raíz, das fortalezas da nosa literatura no medio da campaña que vivimos de ataque ao galego”.”