Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (III)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Entrega do Premio á traxectoria en Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Asesoría de Bibliotecas Escolares.

– Entrega do Premio á Traxectoria en Proxecto literario na rede: Brétemas, de Manuel Bragado:

– Entrega do Premio á Iniciativa bibliográfica: Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora (recollido polo seu coordinador, Antón Costa Rico):

Obras gañadoras dos Premios da IV Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada hoxe, sábado 11 de maio de 2019, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo, formado por Antonio Fernández Maira, Camilo Franco (que se ausentou na deliberación da modalidade de Xornalismo cultural), Elena Gallego Abad, María Xesús Nogueira (que se ausentou na deliberación da modalidade de Poesía), Román Raña, Pilar Sampedro e Kiko da Silva (non participou na deliberación da modalidade de Banda deseñada).
A Gala do Libro Galego conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

 

OBRAS EDITADAS EN 2018

 

Ensaio e investigación

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado estima que se trata dunha obra escrita cunha prosa áxil e ben documentada, con equilibrio entre o rigor investigador e a capacidade divulgativa, situando os irmáns Villar Ponte no contexto histórico de finais do século XIX e o século XX, destacando o seu compromiso político co galeguismo.

 

Divulgación

Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).

O xurado considera que este libro fai un estudo biográfico pormenorizado de Castelao, facendo un percorrido reflexivo sobre o humor en xeral, e o galego en particular, e unha comparativa entre a obra de Castelao e as correntes artísticas europeas do momento.

 

Narrativa

Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).

O xurado estima que esta obra ten unha escrita intensa e contundente, abordando unha distopía apocalíptica.

 

Infantil

Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).

O xurado valora a transmisión de valores como a oralidade, a natureza, a memoria familiar e o mundo rural.

 

Xuvenil

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).

O xurado considera interesante como esta obra, ambientada nunha colonia escolar de  inicios do S. XX, bebe na tradición dos bestiarios galegos, creando novas figuras do seu maxín situados en lugares de forte raigame máxica.

 

Libro ilustrado

Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

O xurado estima que este é un libro a contracorrente, onde a ilustración se converte en relato, e que, a través dunha técnica aparentemente sinxela, consegue transmitir a vida do personaxe.

 

Libro de banda deseñada

O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado destaca a innovación desta iniciativa que enriquece o sistema literario galego cunha aposta experimental onde se combina o texto poético con interpretacións en banda deseñada de moi diferentes estilos.

 

Iniciativa bibliográfica

Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.

O xurado valora moi positivamente esta iniciativa que acolle unha importante escolma de recursos pedagóxicos dos principais autores neste campo traducidos á lingua galega, moi necesaria na actualidade.

 

Tradución

A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).

O xurado dá a benvida á tradución ao galego dun clásico que precisa ser incorporado ao noso sistema literario, realizado por unha especialista que soubo trasladalo con calidade.

 

Poesía

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

O xurado destaca a madurez expresiva do autor, o enorme ritmo poético da obra, unha certa ironía na expresión que enriquece o texto e un gran dominio do verso.

 

Teatro

Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).

O xurado estima que se trata dunha obra que, partindo dun referente real, aproveita para contar con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea.

 

Libro mellor editado

Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).

O xurado valora a edición facsimilar desta obra, que reproduce fielmente a edición orixinal de 1935 da Editorial Nós, respectando o deseño, formato e papel orixinais.

 

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

 

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

Asesoría de Bibliotecas Escolares.

O xurado recoñece o papel fundamental na organización das bibliotecas, promoción do libro e fomento da lectura en lingua galega, nun momento crítico no que estamos a rexistrar un alarmante descenso do número de galegofalantes. Valora tamén moi positivamente o papel do profesorado que forma os equipos de bibliotecas do centro e coordina os clubes de lectura.

 

Proxecto literario na rede

Brétemas, de Manuel Bragado.

O xurado destaca este proxecto persoal do autor desde xaneiro de 2005, vencellado ao traballo de edición e ao servizo do tecido cultural galego.

 

Xornalismo cultural

Revista Luzes.

O xurado valora a valentía de manter unha voz disidente en papel e online, desde a que se fai xornalismo cultural e implicado co país, con plena liberdade.

 

 

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes:

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019.

Figura central da literatura de expresión portuguesa, alén do profundo respecto e afecto á súa persoa e da valoración da altísima calidade literaria da súa obra, valórase tamén súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

«Ler O segundo sexo de Simone de Beauvoir fez-me ver mais claro dentro de mim aquilo que eu ainda não sabia explicar, não sabia expressar. Na altura só sabia que as mulheres eram discriminadas, marginalizadas, sacrificadas, tornadas em sopro, num pequeníssimo nada. É quando me torno numa feminista

Escritora, xornalista e poeta, estudou na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. Dedicouse ao cine-clubismo, como dirixente do ABC Cine-Clube, ao xornalismo e ao feminismo, tendo feito parte do Movimento Feminista de Portugal con Maria Isabel Barreno e Maria Velho da Costa, As Três Marias. En conxunto publicaron o libro Novas Cartas Portuguesas, que, na época, xerou forte impacto e contestación.

Teresa Horta tamén fixo parte do grupo Poesia 61.

Publicou diversos textos en xornais como Diário de Lisboa, A Capital, República, O Século, Diário de Notícias e Jornal de Letras e Artes, tendo sido tamén xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu nun proxecto feminista, de forte cuño esencialista.

En 2004 foi feita Grande-Oficial da Ordem do Infante D. Henrique. Foi galardoada co Prémio D. Dinis da Fundação Casa de Mateus, pola súa obra As Luzes de Leonor.

Maria Teresa Horta súmase en 2019 ás escritoras e escritores que recibiron este nomeamento: Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

 

A Asociación Galega de Editoras premiou a María Xosé Queizán.

Cultivou todos os xéneros literarios, desde o teatro, pasando polo ensaio, a narrativa, a poesía e mesmo escribiu guións cinematográficos. Catedrática de Lingua e Literatura Galega, é unha importante figura do movemento feminista, e neste eido é onde cabe destacar o seu labor como editora: Feministas Independentes Galegas foi un colectivo creado en Vigo en 1979 da man de María Xosé Queizán, e que a partir de 1983-1984 ten como principal cometido editar un número anual da revista Festa da Palabra silenciada, co obxectivo de promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, as ciencias sociais, as artes e a política, así como potenciar e visibilizar a creación das mulleres na literatura e as artes visuais, centrándose, sobre todo, en Galicia, mais tamén alén das súas fronteiras.

Os 29 números da revista editados entre 1983 e 2013 e o monográfico publicado en 2014 poden consultarse na web do Consello da Cultura Galega.

Festa da palabra silenciada conseguiu aglutinar moitísimas escritoras, crear un diálogo xeracional e foi fundamental para ver o que se estaba facendo en Galicia e no mundo desde unha perspectiva feminista. Nas súas páxinas reivindicouse tamén o papel da literatura infantil e xuvenil feita en Galicia, e tamén tivo moito que ver no espertar poético feminista dos anos noventa. Foi, pois, un proxecto editorial pioneiro que abriu camiño aos que viñeron despois, non só por ser levado a cabo por mulleres (editoras, maquetadoras, correctoras…) senón porque puxo en valor o traballo feito por elas en todos os ámbitos.

María Xosé Queizán foi, ademais, directora da colección de narrativa de escritoras universais As Literatas, de Edicións Xerais de Galicia.

 

A Federación de Librarías de Galicia premiou a Antonio Fernández Maira.

Antonio Fernández Maira naceu entre libros… Poucas persoas teñen a oportunidade de nacer entre libros e criarse ao redor dun mundo cultural no que a protagonista é a lectura. Os andeis da librería do seu pai en Lugo foron testemuña da súa formación ao mesmo tempo que tamén o foron das súas primeiras vivencias infantís.

De observar e pasear na súa mocidade entre os andeis da librería do seu pai, pasou a transmitirlle o seu propio sinal cando el fíxose cargo da xestión desa Librería fundada polo seu proxenitor alá polo ano 1942 e que todos coñecemos co nome de Librería Lucus.

A fascinación polos libros e a preocupación por un sector pouco comprometido, levárono a converterse en Presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo no ano 1978.

A principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galicia da man do entón presidente José Manuel Alonso Martinez, primeiro en diversas tarefas administrativas e máis adiante como técnico profesional. Os cambios empézanse a notar debido á demanda dun sector permanentemente en crise pero tamén en plena efervescencia. O seu traballo é definitivo para afrontar novos retos neste colectivo, entre os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro.

Mención á parte merece sen dúbida o traballo desenvolto por Antonio como promotor da creación dos Premios “Irmandade do Libro”, que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos.

 

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas.

 

Ledicia Costas: “O que precisa a rapazada son lentes violeta”

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Recollo para arquivo o texto da conversa que mantiven con Ledicia Costas, publicada na revista Luzes 60. (…)
– Luzes (L): A literatura galega, até agora, foi eminentemente masculina, cando non abertamente misóxina?
– Ledicia Costas (LC): Foi así, pero iso está cambiando. Con todo, sei que hai persoas, mesmo do eido da crítica ás que lles custa aceptar que as mulleres teñen un papel decisivo na literatura galega actual. Non se entendería sen o que representamos as mulleres escritoras, sería unha visión parcial do sistema literario. Moitas persoas da crítica en Galicia deberían facer algo de autocrítica neste sentido e darlle unha volta aos seus prexuízos.
– L: Iniciativas recentes como a revista Criaturas ou a plataforma crítica A Sega están ofrecendo unha ollada feminista e ispen eses prexuízos.
– LC: É necesario poñer esta perspectiva machista en cuestión porque fai moito dano, un dano brutal tanto para as mulleres escritoras como para o conxunto do sistema literario, xa que están dando unha visión deturpada do seu funcionamento e do papel das mulleres na literatura e na sociedade.
– L: Outro dos teus temas que frecuentas é o da morte, o que pode parecer aínda máis relevante en obras dirixidas ao público infantil onde ate agora foi un tema tabú.
– LC: Con respecto ao tema de romper tabús para min foi algo importante. Ninguén nos prepara para a dor que provocan as rupturas sentimentais, a dor do desamor, nin para a dor que produce a morte. A dor da perda en ambos os dous casos. Esa cuestión é importante tratala na literatura. Iso era o que tiña na cabeza cando escribín Escarlatina, dende a irreverencia, dende o humor macabro que xa traballara Castelao de maneira brillante, un autor que descubrín cando estaba no instituto e me marcou. Como doutros autores que traballan o mundo do macabro como Bram Stoker, Drácula sempre foi un dos meus libros de cabeceira, que lin xa non lembro cantas veces.
– L: No humor asumes modulacións, xa que tamén empregas esoutro máis refinado, irónico presente n’ A señorita Bubble ou n’ As peripecias de Extravaganzza Pérez, tan ao xeito de Roald Dahl.
– LC: Dahl é outro dos meus autores e síntome super cómoda nese rexistro. Creo que a rapazada o percibe e aí é onde mellor consigo conectar con ela, a través do humor. É o rexistro que nos une, a Ledicia autora co lectorado. A través do humor podo falar de calquera cousa, até da morte. O humor é un vehículo creativo que me pode levar a abordar calquera tipo de tema.
– L: O traballo cos ilustradores, como Víctor Rivas, Andrés Meixide ou Óscar Vilán sempre foi moi valioso para ti?
– LC: Valiosísimo. Foi coma se eles me activasen algo na cabeza. Polo feito de ver apenas un bosquexo xa me abre ese lado creativo, dispárame a imaxinación. O traballo con eles, uns tipos hipercreativos, facilita multiplicar o valor dos textos. (…)”

“Conversa con Ledicia Costas sobre as súas mulleres revolucionarias”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Resultou excelente a conversa que na Feira do Libro de Vigo mantiveron onte o editor Fran Alonso e a escritora Ledicia Costas sobre as mulleres revolucionarias na obra da escritora viguesa. Tres cuartos de hora de amena reflexión literaria, onde non faltaron as anécdotas e o humor, sobre as protagonistas da literatura de Costas, mulleres revolucionarias, rebeldes, empoderadas; unha conversa na que se percorreu toda a obra literaria, xa unha ducia de títulos, dunha autora que en apenas seis anos se convertiu nun referente da literatura galega do noso tempo.
Comezou Fran Alonso preguntando a Ledicia se fora ela tamén unha nena rabuda coma o son as súas personaxes, ao que Costas respondeu confesando que fora unha nena sensible, tímida, «aprendín a ser rabuda lendo, fun unha nena moi lectora, aprendín a comprender o mundo a través dos libros». De aí a conversa pasou a falar do personaxe de Esmeraldina, personaxe que a autora considera «unha nena rabuda por excelencia, está indignada por estar morta, por ser unha fantasma». Costas lembrou que aos cinco anos visitaba o cemiterio da man do seu avó. «Alí lin nomes extraordinarios como Casimiro Blanco Blanco. Quizais por iso foime tan sinxelo construír o personaxe de Escarlatina. A rabudez e o tema macabro non foron cuestión alleas na miña infancia». «Como tampouco o foi o interese pola cociña, a pesar de que cociño fatal, a min gústame probar. Teño unha relación estreita coa cociña porque miña nai é unha gran cociñeira e miña irmán unha gran reposteira».
«Incluín a cociña en Escarlatina comprobando como as mulleres sempre estivemos relegadas na alta cociña, a pesar de ser as que se ocupan da cociña e dos coidados na familia. Observei que cando se puxeron de moda os programas de cociña na televisión todos os chefs eran homes. Ás mulleres prohibíaselle o acceso a esa posición de poder. “Diso nada”, pensei. Nos meus libros son as mulleres as que cociña e as que saben facelo. Os meus libros son unha homenaxe ás nais e as avoas que nos alegran o estómago e sobre todo, o corazón». Ledicia contou como nos centros escolares se foi formando unha auténtica comunidade gastronómica a partir das receitas de Escarlatina: «Nun IES fun recibida por catro mesas cheas de larpeiradas a partir de receitas dos libros. Pretendía que eu fose o xurado dun concurso que organizara e probase cada un dos dos 356 petiscos. Quererían matarme ou acabar comigo?». (…)”

Presentación de Fóra do normal de María Reimóndez na Feira do Libro de Vigo, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Excelente foi a presentación do serán de onte na Feira do Libro de Vigo de Fóra do normal, a novela de María Reimóndez gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Eric Dopazo e Fran Alonso acompañaron á autora diante de medio cento de persoas que participaron activamente na sesión.
Comezou Fran Alonso lembrando o pasamento de Xabier P. DoCampo, membro do xurado que outorgou o premio a Fóra do normal, ao que cualificou como unha das maiores figuras da literatura galega do noso tempo. A seguir encadrou a novela como «outra obra que continúa o compromiso de Reimóndez coa literatura para construír o mundo, para intervir nel, literatura que quere facer da diferencia normalidade, porque a diferencia é o que caracteriza o mundo». «Do que fala Fóra do normal é da capacidade que temos para recoñecer a diferencia, a nosa propia identidade. Un libro,sobre a identidade transxénero, que pon o valor sobre a anomalía desa diferencia. Ilustrado por Antonio Seijas nos interiores e na cuberta, as súas imaxes que remiten a superheroes e superheroínas, como a propia autora, constitúen o pano de fondo dunha novela que conta a vida de André, un mozo transexual, que vive a súa identidade como un feito problemático, tanto socialmente, sexa no ámbito escolar, no insttuto de Teis, como na súa propia familia, sobre todo pola difícil relación co seu pai». (…)
Continuou a presentación cunha conversa entre Eric Dopazo e autora, no que participou tamén o público, e na que se foron lendo anacos da novela. Dopazo comezou a súa intervención sinalando que «este libro non é só para persoas diversas, é tamen para persoas canónicas ás que convida a reflexionar sobre a súa propia diversidade». Despois de conversar arredor do papel dos superheroes como fío condutor da novela, Dopazo e Reimóndez o fixeron sobre a abordaxe da diversidade en Fóra do normal. Para a autora «a diversidade é fundamental na novela non só referida ao corpo, hai tamén outras diversidades, como a da lingua, dende o punto de vista dialectal; como tamen se propón unha reflexión sobre a linguaxe sexista dende o punto de vista do xénero e das identidades».
Falaron despois dos corpos, das concepcións que temos dos corpos, das identidades e de todas interseccións existentes entre elas. María Reimóndez confesou que «todos os libros, polo menos os meus, están escritos dende a realidade. Nesta novela traballei con personaxes e persoas que coñezo, con referentes próximos, o que é importante para todo o que escribimos. O personaxe de Mucha está construído con moitas das rapazas coas que convivín en Vilalba, rapazas do rural que tampouco encaixan, sendo vistas como brutas ou persoas pouco intelixentes, de forma despectiva, un estereotipo que sempre moito me irritou». (…)”

Baixa, por Manuel Bragado

Desde Brétemas:
“Foron moi dificiles os últimos días. A petición propia, onte deixei de ser director de Xerais. Foi unha decisión meditada coa que pretendo volver á escola a comezos do vindeiro curso e continuar colaborando con Xerais e coas outras empresas do Grupo Anaya na súa estratexia de edición en Galicia. Hoxe non podo expresar máis que a miña máis fonda gratitude a todas persoas coas que colaborei neste vinte e oito anos intensos e inesquecibles nos que tiven a fortuna de formar parte do cadro de profesionais de Xerais, ao tempo que ofrezo as miñas desculpas polos erros, probablemente moitos, que puidera ter cometido. Sei que este é un momento de esperanza nun tempo de incerteza. Xaora, sei que está asegurada a continuidade anovada do proxecto editorial de Xerais como piar e líder da edición en lingua galega. Con todos os abrazos para todas as persoas coas comparto azos e esperanzas. Beizón!”

Onte 1947: Premio Agustín 2017, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“A cerimonia de entrega no Auditorio de Vilalba do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, outorgado á novela Fóra do normal de María Reimóndez, constituíu unha gran homenaxe ao autor d’ O rastro que deixamos. Durante máis de dúas horas catrocentas persoas participamos nun acto organizado con moito agarimo polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e polo concello de Vilalba, no que as intervencións musicais e lecturas de textos de Agustín se foron mesturando coas intervencions dos membros do xurado, dos organizadores e da gañadora, mentres no escenario a xove pintora vilalbesa Isabel Pardo creaba o que será a imaxe do cartel da convocatoria da segunda edición. No entanto, foi a proxección dun vídeo de máis de corenta minutos de duración, preparado polo IESCHA, no que se achegaba a palabra do mestre Agustín, a cerna deste serán inesquecible e emocionante no que se salientaron os valores literarios e humanos do agustinismo. Non hai dúbida que esta cerimonia de entrega do Premio Agustín será, a partir de agora, unha referencia na angueira de manter viva a memoria do mestre de Vilalba.
María Reimóndez no seu discurso de aceptación (aquí en pdf) rescatou os fíos de vida enlazados con Agustín, dende o de Vilalba, onde viviu tres anos da súa infancia, o que alimenta dúas das súas novelas, Dende o conflito e, a máis recente, As cousas que non queremos oír, que dedica a Agustín, até o de Vigo, onde gozou da xenerosidade e calidez humana de Agustín. Salientou Reimóndez que a obra de Fernández Paz “contén clave e mundo para facer deste un lugar mellor”. “Creou espazo para as rapazas, para a memoria, para o agromar do recordo; falounos en todas as emocións humanas; soubo escoitar como ninguén o corazón anoado que latexa naquelas as que ninguen escoita, e desenleou os fíos para que outras persoas puidesen entendelos”.
Reimóndez confesou que este premio tiña para ela “o vaor esencial de dar valor a unha literatura que non só debe ter todos os compoñentes que precisa para ser lida, senón que entende que a calidade literaria é tamén é un un servizo ao ser humano, á xustiza e á igualdade. Unha das leccións máis importantes que a min me deu Agustín como persoa e como escritora, é que toda literatura contribúe a conformar valores. A función da literatura de Agustín era non só amosar os fíos da súa propia vida, senón a través deses fíos poñer en evidencia os outros, os que disfrazan “estética” para falar en contra dunha ética”.
Rematou María Reimóndez expresando a súa convicción de que este premio de Agustín “permite por fin que as nosas obras se lean sen prexuízos. Iso é o que tentei con Fóra do normal, poñer no centro a quen de primeiras ficaría nas marxes, poñer en dúbida quen son os heroes e as heroínas, aquelas que loitan con puños e superpoderes para que o mundo volva estar como era, ou as que, como o meu amigo Eric Dopazo, teiman en ser quen son e conseguen, despois de humillacións e resistencias, un DNI co seu nome e a súa identidade”. “Nin esta historia, nin eu estariamos hoxe aquí sen Agustín. Este premio une o meu nome ao seu para sempre. Anóanos coma o nó intenso e emocionante que sinto neste momento, disposta a levar con orgullo e humildade o seu legado e desexando que moitos outros nomes veñan a unirse ao meu e que cos seus fíos todos construamos un mundo diferente, como o que Agustín nos suxeriu con cada obra e con cada acto na súa vida”.”

As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez

Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
Presentamos na libraría Andel As cousas que non queremos oír, a cuarta novela do Ciclo dos elementos de María Reimóndez. Un acto no que a escritora e editora Eva Mejuto conversou coa autora da novela, mais tamén das anteriores do Ciclo, que constitúe un dos proxectos en marcha máis singulares e novidosos na narrativa galega actual. Mejuto confesouse “enviciada con este ciclo, xa que cada entrega supón un estímulo, un novo reto nun proxecto poliédrico, onde as obras son tanto independentes como interdepentes de xeito que s epon a proba a capacidade da lectora para relacionar, imbricar, relacionar e irnos levando coas relacións dos personaxes”. Salientou Mejuto como outros valores a abordaxe da amizade na novela, como unha capacidade de mirar ao fondo; o respecto co que está tratado o tema do cancro, baseado nunha documentación moi exhaustiva e rigorosa e a habilidade da autora para relatar un mesmo acontecemento dende a óptica de cada personaxe”.
Pola súa banda, María Reimóndez expresou que nesta novela quixo “abordar a xestión da relación de cada personaxe coa orixe da súa identidade; interesábame narrar as persoas como Aurora, a protagonista, que recorren ao desarraigo e a rúptura, mesmo co seu entorno familiar”. “Sei que Aurora é un personaxe alleo a min, menos amable, que viviu un proceso migratorio que deixa ruptura”.”

Presentación de Luns, de Eli Ríos, na Deputación da Coruña, anotación de Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Coincidiu a primeira presentación de Luns, primeira novela de Eli Ríos, gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2016, co pasamento da escritora Xohana Torres, unha perda inmensa para a nosa literatura. Así o sinalou ao comezo do acto Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Cultura, organizadora deste certame, que por vez primeira foi convocado con esta modalidade como tamén foi primeira na que foi outorgado a unha narradora da nosa lingua.
Sanmartín comezou salientando de Luns, como xa fixera o xurado, a importancia da perspectiva de xénero e da técnica do fluír de conciencia, para engadir que “a renovación da linguaxe” e “a utilización do humor e dunha fina ironía como outros alicerces desta novela de lectura trepidante”. “Todo aparece fragmentado, a protagonista debe enfrontarse soa coa cotidianidade, co práctico, mais é unha persoa sometida ao seu home, o que se reflicte na utilización dunha linguaxe distinta por parte de Manuel e dela mesma. Mentres a linguaxe do seu home é continua, a de Nerea é fragmentada, o que expresa que a linguaxe feminina non existe, ten que partir de cero”. “Esa fragmentación e renovación da linguaxe, como a estrañeza que provoca nalgunhas escenas, eleva a vida cotiá á categoría literaria”. Pola súa banda, Ríos confesou que con Luns “quería facer sentir, cando se remate a novela que fagamos algo, que nos mobilicemos, se a literatura non ten que ver coas pulsións humanas, que sentido ten? A literatura ten que ver coa vida”.”