Desde Cultura Galega:
“A pita choca e Biografía dunha folla son os títulos da dúas pezas audiovisuais que están a difundir a Secretaría Xeral de Cultura e mais a TVG sobre senllos poemas de Manuel María. Os vídeos, realizados por Algarabía Producións, amosan animacións sobre os temas destas composicións, que son recitadas por diferentes persoas. En paralelo, a Consellaría de Cultura presentaba onte na biblioteca González Garcés da Coruña a exposición Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), a mostra itinerante que lle dedica ao autor homenaxeado no Día das Letras este ano. A mostra repasa en dez paneis “a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais” a abordar “aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou”.
Logo de permanecer na Coruña ata o vindeiro 16 de maio, a exposición chegará o 17 a Outeiro de Rei para continuar despois o seu itinerario por Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.”