Entrevista a Francisco X. Fernández Naval

EntrevistaFrancisco X. Fernández Naval 2014 a Francisco X. Fernández Naval en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Francisco X. Fernández Naval (FXFN): Un xeito de vivir. Non falo dende o punto de vista económico, si vital. Non é só unha paixón, é a vida mesma. É un xeito de vivir porque leo e escribo; porque manteño relación con persoas que tamén o fan; porque, ás veces, pola literatura viaxo e coñezo outros lugares e outra xente; porque nos peores momentos, sempre me bota unha man. Non podería vivir sen ler. Tentei durante un tempo deixar de escribir e non o conseguín. Tamén é compartir: recibir dos outros e ofrecer o teu.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– FXFN: O certo é que non sei se o entendo. Por veces penso que si, pero a maior parte do tempo creo que non. Supoño que cando preguntas polo proceso, refíreste ao feito de escribir en si, á elaboración do texto. Traballo varios xéneros e os procesos semellan diferentes entre eles: poesía, novela, relato, ensaio, infantil e xuvenil… Penso que non hai patrón, nin sequera dentro do mesmo xénero. Porén, si hai algo sutil e común. O nacer do poema, poño por caso, é caótico. Ás veces un compás, un ritmo, unha emoción, un silencio ou un baleiro, producen un primeiro verso. Non sei de onde vén. Aparece. Flúe dende un burato negro, informe e misterioso. Prendidos a el veñen outros e o nexo é sempre o ritmo. Iso tamén me sucede na prosa. Así que, quizais, unha conclusión sería que o importante do proceso é estar esperto para deixarlle liberdade a ese fluxo de cadencias e de ritmo, esa melodía na que unha palabra chama por outra de maneira que, ás veces, as combinacións resultan sorprendentes e marabillosas, condicionando o significado. Pero hai algo máis. A miña amiga, Manon Murau, escritora francesa, conta que un día, un neno viu nun xardín a un home que picaba nunha enorme rocha. Pasou varias veces por diante e sempre se admiraba do home e da súa constancia no traballo. Logo veu un tempo de ausencia e, cando pasou de novo, viu que o home traballaba en pulir un enorme cabalo. O home, claro, era escultor. Entón o neno decidiuse a falarlle e preguntoulle como sabía que dentro da pedra había un cabalo? A literatura é saber que a rocha somos nós e dentro está o cabalo, só hai que dar con el. (…)
– P: Como vês a literatura galega hoje?
– FXFN: Dáme a sensación de que xa vivimos un momento mellor, máis novidoso, no que se abrían camiños a cotío. Penso que hoxe estamos un paso por detrás daquela efervescencia dos anos oitenta, noventa e primeiros do novo milenio, cando asistimos á consolidación da narrativa ou gozamos coa incorporación das voces femininas en todos os ámbitos, abrindo tantos camiños nunca antes transitados, navegando os mares e completando o ceo. Non falo da crise do mundo do libro, da disminución de editoriais e peche de librarías. Falo de creación, de reflexión, de xeitos de expresar. Sospeito que hai moita literatura gardada na casa porque non hai canles para lle dar saída e lamento ver libros escritos orixinalmente en galego, que son publicados por primeira vez en castelán. Porén, valoro as voces que se incorporan, autoras e autores de menos de trinta anos, non as coñezo todas, pero procuro seguilas porque hai algunhas que si marcan distancia co feito ata agora e procuran afirmar unha voz propia. (…)”