Entrevista a Ramón Caride na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Ramón Caride (RC): A literatura como actividade é unha parte inseparábel da miña vida. O acto físico de ler ou escribir ocúpame sempre un bo anaco do día. Non é tampouco a miña actividade esencial, en canto que non lle podo adicar todas as horas que ás veces quixera, pero mesmo cando non leo nin escribo, non deixo de pensar no que vou ler ou redactar máis adiante, ou de lembrar o xa feito. Digo como actividade cotiá que un fai, repara. Por contra, a visibilidade desta actividade, o feito de verse como escritor, ou de que a un o miren como escritor, varía moito coas épocas e as situacións da vida. Segundo cadre, un é valorado ou feito de menos. E moitas veces pola mesma xente… Cada vez, a medida que pasan os anos, lle concedo menos importancia a esta segunda faciana. Alén do dito, esta non é unha sociedade particularmente xenerosa cos artistas, pero tampouco cos obreiros nin cos dependentes de comercio. Quero dicir que non hai que andar chorando, ninguén nos obriga a crear, de feito creo que era o meu amigo Cid Cabido quen dicía: “se escribir fose tan malo coma fumar, deixariamos de escribir igual que deixamos o tabaco”. Ou sexa, para min a arte é algo curioso, ou divertido, ou absurdo, pero non me deixa indiferente nunca: sempre teño unha reacción sobre un libro, unha película, un cadro, unha canción ou unha banda deseñada, en cambio o fútbol ou as novas de política só me despertan cansazo ou fastío. Cada un é como é.
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– RC: Como lle cadra. Nin o entendo, nin tampouco quero entendelo. É algo irracional, na súa orixe non ten nada que ver co entendemento ou a razón, é algo máis primario, máis instintivo, que nos sobrepasa mesmo aos autores. Un non escribe, ou pinta, porque quere senón porque non o pode evitar. Parece un tópico, pero é así. (…)
– P: Que visão tens sobre a literatura galega a dia de hoje?
– RC: A literatura galega a día de hoxe, en canto ao seu aspecto editorial, non falo do criativo, ten un moi serio problema: o seu público obxectivo está en claro devalo demográfico. Ou gaña base lectora, sexa dentro ou fóra de Galiza, ou seguirá a irse reducindo, cada paso máis, a pequenos círculos de autores e críticos que se retroalimentan en bucle, pero con escasísimos lectores. Seguramente isto vai parello coa perda do libro como referente social, ou as transformacións da comunicación impostas polas novas tecnoloxías. Os desafíos do momento presente son apaixonantes, pero se cadra tamén son críticos, e non sei se como sociedade estaremos á altura de darlle unha nova dimensión ao noso patrimonio polo que dicía antes: para manter e anovar algo primeiro debemos crer na súa propia valía, e non estou certo de que este sexa o caso. (…)”