Desde Sermos Galiza:
“Artigo de Mercedes Queixas publicado en Sermos Galiza o 7 de xullo de 2012, recuperado agora co motivo do falecimento do escritor.
A miña patria é a lingua, afirmou Pessoa, patriarca das letras portuguesas.
A patria do escritor é a súa lingua, recoñeceu novamente Francisco Ayala.
A lingua galega tense convertido tamén para o noso escritor Agustín Fernández Paz, no apoio óptimo para esvaír o fío imperceptíbel entre quen le e quen escribe e para, asemade, amplificar o convite social a xogar coas palabras que a lingua nos ofrece sempre, porque seguramente o noso veciño, profesor, parente, amigo e/ou compañeiro de viaxes, Agustín, participa e exemplifica a máxima de Cortázar, logo de ter viaxado a Galiza e se aproximar ao seu pobo: Os galegos respiran polo idioma.
Agustín Fernández Paz foi quen de arrombar conscientemente a diglosia errática herdada e aceptou, sen prexuízos, desde a raíz do coñecemento, a lingua propia, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios tecidos cos fíos da vida, trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se teñan convertido en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos no noso día a día.
E xa postos a recoñecer, con xustiza, porque se cadra a nosa vida é cativa e convértese nunha resolución de prioridades nas que acreditar, o esforzo da escrita foi máis aló. A Agustín Fernández Paz deberemos sempre a súa aposta pola visibilización da literatura infantil e xuvenil galega como un xénero literario maior, vestido de gala, fronte a quen se empeñar en lle apoñer sempre a etiqueta de “produto de segunda”, “xénero facilón, oportunista e escolar”, “literatura de instituto” ou “de público limitado”. Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. O reto está conseguido. A obra narrativa en galego asinada polo noso escritor está sometida a reedicións constantes, porque o lectorado galego o demanda; é traducida a varias linguas, porque outros mercados editores e lectores así o requiren; é premiada reiteradamente porque os xurados, os compañeiros de profesión, a crítica literaria, os libreiros e o lectorado recoñecen a súa calidade. E finalmente, por se aínda houber algunha físgoa de incredulidade, varios dos títulos con que nos ten agasallado recolleron premios promovidos por organismos non galegos, como o Premio Lazarillo, o Premio Nacional de Literatura Infantil, concedidos polo Ministerio de Cultura español, ou o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil, isto é, para alén do Padornelo e do Cebreiro, fronteiras para nós unicamente xeográficas, demostrando que a literatura galega, como a cultura de noso en xeral, nin é limitada nin moito menos (nos) limita ou ailla.
Porque o escritor traballa incansábel desde o centro do mundo, creando un produto literario universal, dirixido a toda a humanidade que o quixer acoller, desde unha lingua á que aínda hoxe non se lle coñecen máis barreiras que as mentais ou ideolóxicas de quen non entende que só se pode ser universal desde as propias raíces.
As palabras son médicos dos azos enfermos, sentencio Esquilo, creador da traxedia grega. Neste tempo que partillamos, realmente tráxico a todos os niveis, con preocupación polo presente e futuro da lingua galega e da cultura que esta alimenta, agradecemos a túa palabra e acción coherente. Precisamos, Agustín, dese pensamento honesto que te conduciu á non aceptación daqueloutro premio institucional hipotecado pola agresión organizada á cultura que representas.
O pasado sábado 30 de xuño, na Homenaxe Nacional promovida na honra do escritor desde a plataforma cidadá ProLingua, varios centos de persoas tivemos a oportunidade de nos achegarmos un pouco máis a Agustín, ao traballo inxente, ininterrumpido e comprometido de varias décadas a prol de valores irrenunciábeis: a normalización lingüística, a literatura galega, a xustiza social e o ensino público en galego.
Un pracer grande e un orgullo, persoal e profesional, poder partillar esta xornada de recoñecemento a un home de palabra e da palabra. Unha nova paisaxe nun novo día para gardarmos na memoria deste longo camiño en que contigo, somos e construímos a nación, como sentenciou na súa breve intervención o escritor Xabier P. DoCampo.
Neste duro contexto regresivo para a maioría social en que as hemerotecas han testemuñar a responsabilidade dos actuais representantes políticos, galegos e españois, á hora de desactivaren, e mesmo pecharen, pola vía de afogamento económico a rede de bibliotecas públicas, de eliminaren axudas á tradución de libros entre linguas cooficiais, de non apostaren por plans de lectura ou de ignoraren o forte retraemento da edición en galego, máis unha vez fomos quen de demostrarmos a resistencia histórica do pobo sementador que agarda para apañar e entregar a colleita das palabras de afecto, do orgullo solidario, da emoción amical, do agradecemento por unha obra creada en clave de pensamento colectivo.
Grazas, Agustín, por tanta xenerosidade; grazas por tanta felicidade cómplice ao abrigo das letras galegas.”