Entrevista a Manuel Bragado en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Comezaría polo principio. Cando coñeciches Agustín Fernández Paz?
– Manuel Bragado (MB): Coñecino en 1981 cando eu era estudante de 5º de Pedagoxía e el membro do Colectivo Avantar. Un grupo de estudantes incorporámonos ao proceso de formación do que sería despois Nova Escola Galega. A partir de aí Agustín xa era un referente, partillamos distintos grupos de traballo desde que aprobei as oposicións en 1983 e mantivemos un lazo permanente. Creouse un vínculo que nunca rachou. (…)
– SG: Foron moitas as mostras de afecto e recoñecemento desde o día de onte mais nas capas da imprensa escrita apenas foi destacado o seu pasamento…
– MB: É entendíbel polo que está a acontecer co papel dos medios de comunicación e cos formatos. No ámbito dixital a acollida foi extraordinaria. Agustín era unha persoa antisectaria, inclusiva para a que o perímetro da aperta tiña que ser o máis amplo posíbel e iso foi recollido na rede. De feito, non puiden ler todo o que se publicou e iso é un éxito colectivo da comunidade leitora que el conformou. Débenos encher de esperanza, algo no que el sempre acreditou e ao que se referiu en Non hai noite tan longa coa cita de Shakespeare na que di que após a longa noite sempre aparece o abrente.
– SG: Sinalabas, como tamén o fixo Eulalia Agrelo, que a súa obra será máis valorada co paso do tempo.
– MB: É un fío dun novelo do que hai que tirar. É un autor profundamente moderno, con obras moi elaboradas e que ten un enorme futuro. A literatura demostrou con el e con outros nomes como o de Manuel Rivas, que é perfectamente posíbel facer unha literatura universal na nosa lingua.
– SG: Foi ademais unha persoa comprometida, coa lingua e co país.
– MB: Agustín é un galeguista que defendeu a construción nacional, ese proceso de construción colectiva, desde o ámbito educativo, da promoción da lingua, da creación literatia, da edición… Nunca desistiu e só podemos abeizoalo por ter feito iso. (…)”