Entrevista a María Canosa na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– María Canosa (MC): É complicado de explicar, porque vexo a literatura como unha parte de min, que quizais é moito máis ca representar algo, é formar algo, e ese algo é un “eu”, e polo tanto, tamén unha comunidade, unha sociedade, un xeito de comprender e valorar, supoño.
A literatura é unha necesidade para min. Un xeito de sacar os sentimentos fóra e tamén gardalos dentro. Un xeito, ademais, de perdurar ao longo do tempo, porque a literatura transmite saber, datos, sentimentos… dunha maneira individual ou colectiva.
Complicado resumir o que é a literatura, que ata pode crear e inventar universos diferentes, gardar ou descubrir segredos, unha plataforma para a loita e a denuncia, un espello da realidade e dos soños… A literatura sobrevívenos. (…)
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre a literatura e as diversas artes (música, artes plásticas, ilustração, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?
– MC: A literatura é unha arte, polo que todas deben ter algo en común. Eu tomaría isto na súa vertente social, é dicir, na arte como forma de expresión e manifestación. Cada unha delas faino a través dun ou varios elementos distintos, pero no fondo, procuran o mesmo, que é a chamada da atención do ser humano.
Penso, ademais, que moitas delas se poden complementar, amais de ser quen de cumprir o seu obxectivo de maneira individual. O que si é certo é que debera haber máis iniciativas de amosar xuntas as artes. Participei en recitais poéticos acompañados de música en directo, e obras teatrais baseadas en poemas infantís que convertían algunhas das poesías en cancións… e a experiencia foi gratificante.
Encántame escribir a partir de imaxes, fotografías, ilustracións… Quizais non se vexa nin saiba o proceso creativo, pero é un recurso que utilizo habitualmente, porque me axuda e inspira.
Teño algún libro que “naceu do revés”. É dicir, primeiro creáronse as ilustracións, e logo eu imaxinei unha historia para eses personaxes e ese mundo. (…)
– P: Que referentes tens, num sentido amplo -aquel@s que mais te marcaram-?
– MC: É difícil quedar cun referente. No meu caso, fun lectora de xéneros moi variados, xa desde pequena. Marcoume moitísimo Castelao. Pola sinxeleza, polo conciso dos seus traballos, pola naturalidade coa que describe unha época, unha sociedade… por poder facer un retrato do mundo con catro trazos e media ducia de palabras.
Pero tamén me marcaron as lecturas de Roald Dahl, de Xabier DoCampo, Antonio García Teijeiro…
Aínda que creo que, sen dúbida, quen me marcou para botarme a escribir foi miña nai. Ao contrario do que se pode imaxinar, non porque me empuxase a facelo, non. Todo o contrario. Precisamente, o que me enganchou foi verllo facer a ela de maneira natural. Miña nai era tan só mamá. A miña mamá escribía, coma outras conducen, fan empanadas ou tocan o violín. Á miña gustáballe escribir. E facíao coa mesma naturalidade que amañaba as plantas do xardín. Debeu ser iso que nunca tiven medo a enfrontarme a un papel en branco nin a unha regadeira.
Certo era que ler os seus escritos consistía nunha intriga estupenda, e descubrir finalmente o misterio do que me ía contar era un impacto inigualable. Atrapoume.
A sinxeleza e curiosidade chamaron pola miña atención. Comecei a inventar todas as historias que non atopaba nos libros e gustoume a sensación. (…)”