A edición de libros en Galicia cae un 24,6 por cento nos últimos cinco anos

Desdeconsello-da-cultura-galega Cultura Galega:
“En 2015 editáronse en Galicia un total de 2266 libros, segundo os datos do ISBN, 338 libros menos que en 2014, amosando unha caída no último quinquenio dun 24,6%, a diferencia do caso español, no que o número de títulos aumentou. Estes son algúns dos datos que se poden extraer o informe O libro e a edición en Galicia (2016) que difunde hoxe o Observatorio da Cultura Galega do CCG.
Dentro destas cifras, os datos sinalan que o número de libros publicados en galego descendeu un 43,8% no periodo 2008-2015, perdendo máis de mil títulos desde ese ano ata hoxe, agás unha alza notable en 2010. Os libros en galego representan un 61,5% do total de libros con ISBN editados en Galicia. Os datos do informe son subministrados polos informes Estadística de la edición española de libros con ISBN e Panorámica de la edición española de libros e a partir deles.
O informe revela que a edición en galego está moi orientada ás areas de Educación e Literatura, nas que se rexistra unha tendencia ascendente no número de títulos editados nos dous casos. O incremento máis notable está nos libros de ensino, nos que se medrou máis dun 11% con respecto a 2013, pero tamén se aprecia unha tendencia ascendente en Literatura e en Historia. Segundo subsectores, os libros de texto en lingua galega foron os máis numerosos, seguidos da creación literaria e os dirixidos a un público infantil e xuvenil, que tamén seguen en ascenso, ademáis das publicaciósn de ciencia sociais e humanidades. Pola contra, disminúen os libros en galego no ámbito científico-técnico e tempo libre.
Os libros traducidos ao galego diminuíron no periodo 2008-2014, aínda que aumentaron entre 2013 (188 títulos) e 2014 (220 títulos), sendo as linguas máis traducidas o castelán seguida do inglés.
Pontevedra, seguida da Coruña, foron as provincias nas que se editaron máis libros en galego, e moi por detrás se atopan as provincias de Lugo e Ourense. A edición privada, neste sentido, supuxo un 94% de toda a edición de libros en galego fronte á edición pública, un 6%. Déronse grandes oscilacións neste sentido, xa que a edificón pública diminuiu en 2014 un 12,9% en comparación co ano anterior, mentres que a privada se incrementou un 26,9%. No retrato do libro en galego, sinálase que o 20,1% dos libros publicados en galego en 2014 tiñan un prezo que oscilaba entre os 10,01 e os 12,50 euros.”