Entrevista a Kathleen March en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A xornada levou por título Kathleen March, ler como feminista. Que significa para vostede ler como feminista?
– Kathleen March (KM): O que teño feito non é só sobre mulleres, mais penso que era e é preciso ler como mulleres. Sobre todo no caso de Rosalía era preciso ler desde outra perspectiva. No caso das escritoras actuais sería darlles máis atención, falar máis delas -e máis, cando eu comecei-. Digo iso porque para min, como estranxeira, os nomes que saían nos libros e nos artigos de crítica eran basicamente de homes. As cousas xa non son iguais, teñen cambiado, mais aínda así é preciso ir dándolles o mesmo espazo ás mulleres. Agora xa é unha cousa máis equilibrada e estou contenta de ver iso. Cando fixen a antoloxía Festa da Palabra foi pensando na revista Festa da palabra silenciada porque parecía que as mulleres tiñan aí un espazo importante -de novo estamos a falar dos comezos dos anos oitenta-.
– SG: Mais continúa a ser necesario facer unha (re)lectura da crítica literaria -e cultural- a través dun enfoque feminista na actualidade?
– KM: Si, continúa a ser necesario. Comprendín iso grazas a Rosalía, e dígoo de verdade. O século XIX foi un momento no que moitas mulleres estaban facendo moitas cousas e había moitas escritoras. Mais eu non sabía nin tiña coñecemento da cantidade de mulleres que había escribindo en inglés, porque a crítica, de novo, falaba das mulleres como de escritoras que facían catro cousas sen moito interese intelectual. Lendo a Rosalía, as novelas dela, non só a súa poesía -as novelas están en castelán, mais é obra de Rosalía-, quixen ver e descubrir as súas contemporáneas noutras partes do mundo e comecei lendo en inglés, na miña lingua. E dixen, que cousa! Eu non sabía! Cantas escritoras que nin coñecía. Unha cousa é falar das escritoras esquecidas e outra é facer unha nova interpretación de escritoras xa coñecidas. Téñoo pasado moi ben e descuberto no meu país, e en Inglaterra, escritoras que no século XIX estaban facendo cousas importantes e interesantes. Rosalía fíxome ver cousas que pensaba que xa coñecía ou sabía. Todos os tópicos que había arredor de Rosalía -a Santa Rosalía-, tamén os sufriron outras moitas escritoras que estaban nas mesmas condicións e que, grazas a ela agora vexo con outros ollos. Vexo o traballo que facían, as estratexias literarias que empregaban, a súa condición social, a comunicación que tiñan entre si, como publicaban, a cantidade de textos que publicaban ou como viaxaban. Non sei se iso era feminismo, quizais, mais a escrita feminina seguiu con impulso e enerxía. Eu antes traballaba sobre escritoras, sobre escritoras latinoamericanas, mais Rosalía foi a culpábel de darme a coñecer máis sobre a escrita feminina. Todo o que se di de Rosalía como escritora universal non é mentira. (…)”