Entrevista a Iria Misa en Disquecool:
“(…) – Disquecool (D): Como naceu a idea de Xa non estou aquí?
– Iria Misa (IM): Hai uns anos, cando comezaba a escribir, ocorréuseme esta idea dunha moza que desaparecía e que me falaba a min directamente. Sempre me impactaron moito estas noticias das desaparicións e xurdiu esa voz, que eu sabía que quería saír da miña cabeza, pero non tiña moita idea de como facelo. Era unha rapaza, que eu imaxinaba nun monte, perdida, e que falaba da súa vida. Ao longo dos anos, esa idea fun retomándoa, intentando experimentar algo con ela, e deixándoa cando non me convencía… Quizais é unha das primeiras historias que empezaron a saír das miñas teclas, sempre estivo aí no trasfondo. Hai dous ou tres anos retomeina de novo e á fin conseguín darlle a voz propia que eu quería e sacar a historia adiante. (…)
– D: E como é escribir para adolescentes, como diferencias?
– IM: É para adolescentes pero tamén o poden ler os adultos, aínda que eu escribín para eles e nada me faría máis ilusión que que aos rapaces lles gustase. Escribes para adolescentes facendo un exercicio de memoria e desfacéndote de moitos prexuízos que ao mellor cos anos fuches collendo. E hai moitas cousas que son igual que hai 20 anos, cando nós eramos novas. (…)
– D: Estás metida en algo?
– IM: Sempre hai algo que pode estar en proceso de xestación. Na cabeza, documentándote, escribindo, en paréntese porque estás saturado… Espero que sexa o comezo dun camiño no que poida seguir escribindo, que me axude a organizar a miña vida. Saber que teño esas horas de escribir e que se non o fago sinto como que me falta algo. (…)”