María Reimóndez: “O relato é unha maneira de dar a entender que hai maneiras de saír desa situación”

Entrevista María Reimóndeza María Reimóndez en Sermos Galiza:
“O pasado día 25, Día Internacional contra a Violencia Machista, María Reimóndez liberaba ‘A esencia da cidade’, un relato autobiográfico publicado por Xerais no que a escritora conta unha experiencia de maltrato sufrida na súa adolescencia. (…)
– Sermos Galiza (SG): Este relato xa o publicaras antes, non?
– María Reimóndez (MR): Este relato escribino porque hai uns anos Amnistía Internacional publicou un libro sobre violencia de xénero que se chama Camiñando descalzas polas rochas. Este relato naquela altura pareceume que era unha cuestión de honestidade e cría que non podía escribir doutra cousa que non fose da miña propia experiencia persoal. O motivo de liberalo é que este libro de AI está moi pouco accesible e ao longo destes anos teño pasado ese relato de maneira individual a persoas que traballan no ensino que lle vían certa utilidade á hora de traballar este tema coas mozas e cos mozos. Entón este ano a raíz destas informacións que saen na prensa do -entre aspas- incremento de violencia de xénero entre a mocidade, pensei que se cadra era o momento de facelo máis accesible. E digo incremento entre aspas porque eu non estou segura de que haxa un incremento senón unha maior visibilización e concienciación social, porque a historia que se relata aconteceu hai bastante tempo. Eu teño agora 41 anos, estamos falando de cando tiña 15, 16, 17 anos e é evidente de que xa naquela altura había violencia de xénero nos adolescentes, pero aínda non existía o concepto.
– SG: Supoño que para ti non debeu ser doado escribilo.
– MR: Foi un proceso complicado porque por moito que os anos pasen as mulleres seguimos estando socializadas para ter medo de falar. Primeiro ten que haber un proceso persoal que é complexo, que eu xa pasei no seu momento, de reconciliación con unha mesma, e con todas as mensaxes que socialmente se che envían, de culpa, de vergoña… E tamén para min creo que a parte máis difícil do relato é o pudor de falar de persoas que seguen estando aí, e ás veces de facer visibles situacións á miña familia ou a persoas que conviviron comigo nese periodo da adolescencia e que non foron conscientes do que acontecía ou da súa gravidade. Eu tiven a fortuna de ter unha nai moi espelida e moi intuitiva que foi capaz de percibir certas cousas, que aquilo era unha punta do iceberg, sen saber todo o que pasaba. (…)
– SG: Tamén falas disto como unha segunda violencia: a incomprensión e a culpabilización da vítima.
– MR: Si, totalmente. A violencia de xénero unha das características que ten en todas as súas facetas e moralidades é o silencio e a vitimización. Eu creo que en ningún crime doutra índole as vítimas son culpabilizadas nin hai unha capa de vergoña como existe en todas as caras da violencia de xénero: desde as cuestións máis do día a día, como na campaña de #PrimAcoso, na que incluso nos avergoñamos porque alguén se masturbe diante nosa pola rúa ou que nos toquen, avergoñámonos só ao dicilo. Esa é a primeira barreira que temos e ese é o primeiro refuxio dos maltratadores, dos acosadores, dos violadores. Esas construcións da masculinidade, que acaban dando en situacións de violencia. Unha das cousas quedaron moi claras na miña aprendizaxe persoal é que os maltratadores teñen calquera cara, calquera estrato social e o único que comparten é unha construción hexemónica da masculinidade baseada no control, na dominación e no uso da violencia cando as cousas non van polo seu rego. (…)”