Entrevista a Xosé Duncan en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PdG): Unha pregunta sinxela, ¿Quen é Xosé Duncan?.
– Xosé Duncan (XD): Son un rapaz de aldea emigrado á cidade cando non tiña máis de tres anos. Amante da música, das motos, da tecnoloxía e, cando era novo, un lector voraz de fantasía e terror. Despois, cando medrei e o meu tempo de ocio era moito máis limitado, comecei a escribir en vez de ler. Non sei o porqué mais, cando algo me apaixona, sinto o impulso de querer facelo eu, de non ser un mero espectador. Ás veces sae ben e outras é un verdadeiro desastre, porén, non podo evitar tentalo. No caso da escrita tiven a sorte, ou non, de ir aprendendo ao mesmo tempo que ía publicando. Comecei con algo máis ‘accesíbel’ como son os relatos e, aos poucos, fun creando novelas longas e curtas.
– PdG: ¿Cal foi a túa primeira inmersión no eido da literatura? ¿Foi dende cativo unha ocupación ou divertimento para vostede?
– XD: Como lector as miñas primeiras achegas foron obras ‘clásicas’ que collía na biblioteca da escola ou as municipais que había daquela: a do actual Arquivo de Galicia e a dos Xardíns de Méndez Núñez. Con nove anos comecei con Drácula, A caída da casa Usher, Frankenstein, Os asasinatos da Rue Morgue e, cando cheguei ao instituto, continuei co Señor das Moscas, Fahrenheit 451, Un mundo feliz e cousas polo estilo. Como escritor escribín varios relatos curtos na adolescencia que, por fortuna para o mundo, quedaron esquecidos e atrevinme cunha novela cando tiña 22 anos. Levoume moito, moito tempo rematala e, de feito, aínda lle fixen un ‘remake’ hai pouco para darlle o acabado final. En canto a que foi para min… Sempre foi un divertimento, unha válvula de escape. Talvez, desde que publico o que escribo, estea a converterse nunha ocupación un chisco máis ‘estresante’ pola presión que supón querer mellorar e ver os teus libros expostos ao público. (…)
– PdG: Cre que a fantasía ten boa acollida no sistema literario galego?
– XD: Na miña modesta opinión, non. E digo non porque considero que a fantasía é un xénero tan de adultos que merece o mesmo recoñecemento que calquera outro. Se escribes fantasía, semella que o estás a facer forzosamente para a rapazada ou para unha comprensión lectora inferior do que poida agardar unha persoa adulta. A fantasía queda relegada a ser ese primeiro prato que se lle dá de xantar aos cativos para que, cando desenrolen o sentido do gusto e saiban gozar de cociña de deseño, lean literatura ‘seria’ na súa madurez. O que está claro é que está nas nosas mans mudar ese prexuízo, tentando crear as mellores obras que sexamos capaces e que vallan, ademais, para atraer novo lectorado que nunca se achegara a unha obra en galego.
– PdG: Para rematar, ten pensado publicar algunha nova historia proximamente?
– XD: Si. Teño escritas tres novelas agora mesmo. Dúas curtas (non tan curtas coma Hostal Norte) e unha longa. O plan de publicación é sacalas con Urco a razón de unha por ano. Se todo vai ben, a seguinte poderemos presentala no meu aniversario (para o mes de marzo) e as outras terán que agardar a súa quenda. As dúas curtas van nunha liña moito máis intimista e onírica do que fixen até o de agora (en especial unha delas é un verdadeiro experimento de estilo) e a longa é fantasía pura e dura.”