Entrevista de César Lorenzo Gil a Daniel Asorey en BiosBardia:
“No século XVII, a República Irmandiña de Galicia converteuse xa nun imperio colonial con posesións en Nova Galiza, na costa do subcontinente brasileiro. Nesta atmosfera literaria medra Nordeste (Galaxia), a novela coa que Daniel Asorey (Santiago, 1970) gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2016. Conversamos co escritor sobre a súa primeira obra publicada.
– BiosBardia (B): En Nordeste os irmandiños gañan a guerra contra os señores no século XV e proclaman unha república. Mais vostede achéganos a Galicia ucrónica 200 anos despois, gobernada por homes “bos” desde unha Compostela máis atlántica ca nunca, co mar en chegando ao Obradoiro. Por que empregar un pasado alternativo para contar esta historia?
– Daniel Asorey (DA): Entendo a literatura como a posibilidade de darlles voz aos oprimidos, aos que non teñen voz. Para min, Galicia non ten voz desde hai séculos. Vive nunha situación política subalterna que a mantén en silencio ante o mundo. Eu quixen imaxinar o meu país, o meu pobo, con voz, cun papel diferente na historia. Pero non buscaba idealizar ese pasado alternativo senón reflexionar sobre a posibilidade de que incluso unha sociedade xurdida dunha revolta contra os poderosos podería, pasado o tempo, volver estar dominada por eles.
– B: Na súa ucronía, os irmandiños son en efecto revolucionarios. Nese punto segue un dos mitos históricos máis controvertidos do galeguismo.
– DA: Eu era consciente dese mito e tamén de que a historia real dos irmandiños é máis complexa, menos utópica. Pero non me interesaba neste libro explicar se a Irmandade derrubaba as fortalezas ao canto de “Viva el-Rei” ou se en realidade estaba controlada pola baixa nobreza. Non, o que quería era xustamente usar un mito noso e logo contrastalo co rigor de que calquera país, se quixo entrar no capitalismo, tivo que alimentarse do sangue das mulleres e dos escravos. A época na que transcorre unha das historias da novela é xustamente esa, a do desenvolvemento do capitalismo tal e como o coñecemos. (…)
– B: Esta é a súa primeira novela publicada, con 46 anos. É vostede un autor cuxo gusto pola literatura lle vén desde novo ou descubriu a escrita xa maduro?
– DA: Eu escribo desde sempre. Gañei varios premios de relato e recoñezo que até a adolescencia me vin sempre como escritor. Pero logo faste adulto, empezas a traballar e escribir pasa a ser secundario. Para min é moi difícil encontrar tempo para a literatura. Esta novela escribina nun verán. Foi cando puiden escribir cun horario regular, todos os días varias horas seguidas. E saíu dun tirón. Para poder construír obras necesito un sistema así. (…)”