Desde Cultura Galega:
“O proxecto de orzamentos para 2017 que presentou a Xunta o pasado 2 de decembro amosa, por segundo ano, un lixeiro incremento (o 2,87%) nos fondos que se dedican á Consellaría de Cultura. No entanto, está por ver ata que punto esta melloría se deixa sentir nos diferentes programas ou se fica absorbida polas recuperacións salariais dos empregados desta administración. Comezamos polo sector do libro, bibliotecas e arquivos, a análise das contas para a cultura do vindeiro ano.
En termos globais, a partida para o programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais ascende este ano un 2,3%, algo máis de 400.000 euros, ata acadar os 18.129.685, segundo apuntou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación destas contas no Parlamento. No entanto, estes incrementos non se deixan sentir de xeito especial no apoio ás editoriais ou nos cartos dispoñibles para os sistemas de bibliotecas e arquivos.
Apoios á edición
O sector do libro sae lixeiramente beneficiado das contas para 2017, cando menos no que se trata dos apoios directos á edición e no campo da adquisición de fondos para bibliotecas. Así, a nova partida específica de “Subvencións para adquisición de novidades editoriais en galego”, dotada con 400.000 euros supón unha importante aposta por este sector no marco do Programa de Bibliotecas e Arquivos. Pola contra, outros orzamentos orientadas ao apoio ao sector editorial do país, como a destinada a lotes fundacionais e adquisición de fondos nas bibliotecas (non especificamente galegos) baixan de 560.000 a 425.000. Tamén perde 200.000 euros, e fica con 148.460, o apartado orientado á Edición do Libro o Galego no marco deste mesmo programa. Mantén os seus 210.000 euros o Apoio á Promoción, produción e edición do libro en galego, mentres as subvencións para proxectos editoriais en galego que se inclúe no programa de Fomento da Lingua Galega continúa con 170.000 euros. En total, serán 64.600 euros máis para o sector a comparar coas partidas que estiveron dispoñibles en 2016.
As feiras
Unha modificación nos orzamentos que pode traer importantes mudanzas á axenda cultural do país é a drástica redución de fondos para Feiras do Libro, que pasan de 150.000 euros a só 30.000. Fica por ver se o apoio financeiro dos concellos ou a aparición doutras vías de financiamento conseguen soster estes eventos. No entanto, é moi posible que a flamante partida de “Axuda a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades de promoción do libro e da lectura”, dotada precisamente cos 120.000 que se subtraen da anterior, estea na realidade orientada a cubrir as actividades propias da feira e que manteña a actual situación do programa que coordina a Federación de Libreiros.
Do mesmo xeito, logo do fulgurante ascenso do pasado exercicio nos cartos destinados ás feiras de libro internacionais (que pasaran 150.000 a 400.000 euros), en 2017 os fondos volven caer e fican en 200.000. Isto apoia a idea de que o pico de 2016 se debeu á presenza de Compostela como cidade convidada á Feira do Libro de Bos Aires.
Actividades nas bibliotecas
De xeito similar ao caso das feiras do libro, tamén semella que hai un traspaso de cartos no que se refire a fondos para bibliotecas e promoción da lectura. Deste xeito, os 200.000 euros que perde o apartado “Promoción da Lectura e o libro” (163.000 euros), gáñaos o inmediatamente anterior “Sistema Bibliotecario de Galicia”, sempre na sección de investimentos de carácter inmaterial. Polo resto, as actividades para promoción de arquivos e patrimonio documental (141.250 euros) e as de animación á lectura e bibliotecas (240.000) fican igual que en 2016.
Os orzamentos semellan amosar tamén unha certa aposta pola descentralización neste campo. Así, os traspasos económicos a entidades locais para investimentos en arquivos case duplica, con 51.740 euros, a contía do pasado ano. Sobe tamén 37.000 euros o destinado a investimentos en bibliotecas (197.000 euros) por parte das mesmas e, por se fose pouco, o novo apartado para adquirir novidades editoriais en galego tamén se deixa nas mans dos concellos. Outros investimentos neste ámbito, como son as bolsas (216.940 para bibliotecas e 107.406 para aqruivos), os cartos destinados a obras (60.000 e 23.000 respectivamente)ou os equipamentos para bibliotecas (90.000) manteñen a súa contía.”