Entrevista de Romina Bal a Ledicia Costas en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que a Señorita Bubble?
– Ledicia Costas (LC): Quería darlle unha volta ao estereotipo do inventor home. A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, historicamente silenciadas en incontables ocasións. No plano narrativo quería que esta inventora fose unha muller estrafalaria, dotada dunha intelixencia extraordinaria, que tivese intacta a capacidade de soñar, e tamén de facer soñar aos demais. De feito, todo isto é o que engaiola as irmás Noa e Sofi, e ao mesmo tempo, o que provoca o rexeitamento do resto da veciñanza. (…)
– P: N’A Señorita Bubble hai moitas personaxes femininas ademais dela, e entre elas, dúas que chaman especialmente a Buldog e a Caniche desde o punto de vista do xénero. Por que dúas mulleres e caracterizadas así?
– LC: De novo teño que falar dos meus referentes. Hai unha personaxe feminina na historia da literatura que a min me marcou. Sae nun dos meus libros favoritos. Matilda, de Roald Dahl. Falo da señora Trunchbull. Esa mestra de dimensións desproporcionadas que esperta o pavor no seu alumnado. Unha lanzadora de martelo que non ten reparos en agarrar das trenzas a unha nena e lanzala voando polos aires. Co humor como recurso, construín a Bulldog, antagonista da Señorita Bubble, e tamén a súa irmá, a Caniche. A temida bibliotecaria con alerxia aos nenos. Nunha ocasión, sendo eu unha cativa, esquecín devolver un libro na biblioteca da escola e fun castigada sen ler pola bibliotecaria. Con todo isto na cabeza, deseñei estas personaxes, estas dúas mafiosas cheas de carraxe e de odio que son mestras, mais aborrecen a poboación infantil. Caractericeinas así de xeito deliberado. Unha é moi masculina, a outra delicadísima. Creo que de a partir dese retrato pode facerse unha reflexión sobre os estereotipos.
– P A idea fundamental do libro é o medo ao diferente en xeral, hai moito de crítica social.
– LC: Sempre me preocupou a cuestión da diversidade. Amólame que a sociedade rexeite por sistema aquelas persoas que saen do convencional. Imaxino que por iso no libro hai moitos personaxes que son diferentes e non encaixan na norma. A propia señorita Bubble, as irmás Noa e Sofi, Vincent, ese neno cun corazón de ouro… E tamén por esta razón, entre as páxinas desta obra latexan emocións de todo tipo. O lectorado vai atopar momentos en que os personaxes estouran de alegría e outros en que a tristura consegue envolvelo todo. Mais ao final do camiño sempre hai unha luz á que aferrarse. (…)”