Entrevista a Xosé Monteagudo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A idea narrativa de Todo canto fomos é clásica mais a forma de contar a historia é novidosa. Por que escolleu ir presentando os personaxes in media res, cada cal no seu tempo, todos compartindo o tempo de todos?
– Xosé Monteagudo (XM): Coido que esa estrutura narrativa é a única que podía ter esta novela. É a maneira que encontrei para poder manter a atención do lector durante todo o texto. Para que poida encontrar sorpresas e xiros na trama. Pensei que era a maneira menos previsible de explicar a evolución desta saga familiar. Noutras miñas novelas xa introducira os planos paralelos mais esta foi a primeira ocasión na que tamén opto pola técnica da simultaneidade de planos temporais. Era ideal para atinxir un período histórico tan longo. (…)
– B: Nese período de tempo, que vostede trata no libro, hai un acontecemento que marca, non só a novela senón a nosa propia historia, a Guerra do 36. Non sei se era consciente do perigo de que ese momento actuase como unha especie de burato negro e absorbese toda a trama. Como conseguiu esquivar esa “atracción fatal”?
– XM: Por suposto que era consciente e tampouco podía obviar o que había significar non só para os personaxes da miña novela senón para a propia historia de Galicia. Mais eu non quería escribir “outra novela da guerra”. Non vou dicir que estea moi tratado o tema porque ese é un tema discutible pero si está claro que hai abundante obra de ficción que se desenvolve neses anos e eu non quería repetir argumentos nin caer en tópicos. Sabía que era unha fase moi poderosa no libro pero coido que souben “repartir as cargas”, ampliar o foco sobre outros momentos da historia e esquivar os tópicos sobre a época. (…)
– B: Cal é o seu carácter como escritor. Escribe con rutinas ou por impulsos?
– XM: Polo xeral, escribo polas tardes, cinco días por semana. Catro horas diarias. Necesito esa rutina coma o deportista o adestramento. Preciso concentrarme en cada proxecto. Sempre acabei as novelas unha detrás doutra agás no caso de Todo canto fomos, que a deixei parada para escribir, en tres meses, O curioso mundo das persoas normais, obra na que si houbo certo impulso, que naceu logo de ler que no hospital provincial morrera un home que practicamente vivira internado toda a súa vida.
– B: Como flúe o seu universo literario. É planificador?
– XM: Intenteino unha vez. Quixen crear un esquelete, un roteiro. Logo fixen o que me petou. O interesante de escribir é non saber cara a onde te dirixes. Sempre digo que son máis un escritor de agulla de marear ca de plano. (…)”