“Meditando sobre o chamado canon (I)”, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Desde que hai xa anos Harold Bloom (cóengo maior da crítica literaria occidental) deu ao prelo o seu malfadado O canon occidental, os libros sobre o canon ou os canons –en cuxa produción Bloom é un stakhanovista–, os comentarios sobre o canon, o uso da palabra canon, etc., nos “medios literarios” (académicos e/ou xornalísticos) disparouse (…)
En Galicia, como en todos os lugares, existen, evidente, diversos canons. Hai un canon dos editores, un canon dos críticos (?) –que dá a impresión que coincide co dos editores–, un canon dos profesores de instituto: as lecturas recomendadas e/ou obrigatorias: que coincide case punto por punto, é dicir, libro por libro, autor por autor, cos dos editores e os dos críticos, un canon dos escritores (que, en realidade, nunca o fan público), un canon da universidade, un canon da Real Academia Galega (o día das letras é o seu “índice”), etc. É dicir, canons para todos os gustos. [Como afirma Wendell V. Harris, non existe un único Canon (el escribe a palabra con maiúscula), senón que existen diversos tipos de canon que responden a diferentes propósitos: o potencial, o accesíbel, o selectivo, o oficial, etcétera.] E cada variedade, é dicir, cada editor, cada crítico, cada profesor, cada escritor, cada universitario, e mesmo cada lector, teñen diversos canons. Hai, claro, certos nomes que son máis ou menos indiscutíbeis en todos estes canons (estamos a falar de literatura galega): Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Otero, Risco (?), Blanco Amor, Manoel-Antonio, Cunqueiro, Cabanillas, Amado Carballo, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares (?), Novoneira e algún máis. Estes son os indiscutíbeis ou, mellor dito, os indiscutidos –agás os que engadimos un interrogante entre parénteses, que son discutidos máis por tomas de posición política do que por valor literario; e viceversa, algún dos nomes que anotamos son indiscutíbeis, e nada discutidos, polas súas posicións políticas. Logo, cada colectivo ten o seu libriño, é dicir, outros nomes que engade a conveniencia, táctica ou política, nunca estratéxica.
Podiamos comentar un a un estes canons, talvez sería un pouco aborrecido, así que fagamos un achegamento parcial a algúns dos libros que máis “influencia” tiveron nos últimos anos na conformación de obras e autores “canónicos”, ben que son consciente de que esquezo algunhas outras obras significativas e de ampla difusión, mais non se trata de analizarmos unha a unha estas obras, senón de dar unha, digamos, visión xeral. (…)”