“Canto se reescribe na literatura galega?”, por Eva Moreda

Artigo de Eva Moreda en BiosBardia:
“(…) Aceptada (por intuición máis que por evidencia rigurosa) a hipótese de que na literatura galega non se reescribe moito, podemos preguntarnos por que e se isto é bo ou malo. Podemos aventurar que é unha simple cuestión de gustos motivada por diferenzas culturais, como hai moitas outras. No sistema anglosaxón a tendencia (con excepcións) é a reescribir. Algúns autores falan de cincuenta reescrituras. O resultado son textos traballados e batanados. Causa ou se cadra consecuencia destes diferentes xeitos de pensar son as diferentes paisaxes editoriais. Noutros sistemas, o editor ou o axente literario opinan sobre o texto e o modelan (aínda que cada vez con máis frecuencia este labor se ve terceirizado a servizos de pago que custea o autor antes de enviar o seu texto para publicación). En canto ao sistema literario galego, xa falei máis arriba da miña experiencia, aínda que me comentan que algunha editorial si que intenta intervir máis directamente sobre o texto en troques de limitarse a peneirar o que xa lles chega presuntamente terminado. A dependencia que o noso sistema ten dos premios seguramente tamén coarta o labor editorial. A ninguén lle gustaría que premiasen a súa novela para despois ter que reescribila. Nun dos primeiros premios que gañei, os organizadores dixéronme que algunha vez tiñan probado a orientar os gañadores antes da publicación. Cun par deles non saíra ben e a partir de entón premiaban só obras que puidesen publicarse sen moitos cambios ou deixaban o premio deserto. Pero coido que só se atreveran a probar a vía da reescritura porque era un premio para rapaces novos, non para adultos que puidesen reaccionar mal.
No mundo anglosaxón tamén proliferan os cursos e titulacións de escritura creativa, nos que o lema (á parte do manido e pouco útil show, not tell) parece ser “escribir é reescribir”. Posto que non teño contacto coas escolas e cursos de escritura creativa que apareceron nos últimos dez anos en Galicia, non sei se seguen tamén este lema. De ser así, se cadra poderiamos ver algún desenvolvemento interesante no futuro. (…)”