Entrevista de M. Obelleiro a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para ti a concesión do premio, con unanimidade e a participación de tantas entidades culturais?
– Francisco Rodríguez (FR): Eu agradezo ese premio, pero non como un premio á miña persoa. Agradézoo porque, primeiro, significa que hai un sector social do país que é capaz de valorar, sen discriminacións sectarias, o que as persoas fan. Segundo, porque hai un sector social e cultural nacionalista, e recibir recoñecemento daqueles cos que comparto esforzos e obxectivos, e dos que son produto, paréceme o mellor que me pode pasar. Terceiro, creo que se deixa constancia de que non todo é oficial e que non todo o que o oficial recoñece é o único existente e o único con valor. Nunha palabra, significa a existencia de recoñecemento social, á marxe das institucións oficiais ou oficialistas. Pero o máis importante é o feito de que se vexa que hai cultura de base nacional galega e de base popular e que pode estar máis ou menos debilitada, mellor ou peor, pero ten consistencia e criterio propios. Espero que o premio teña continuidade e se dea a persoas e organizacións que fan algo ben intencionado e valioso, contra corrente. (…)
– SG: E está tamén a túa preocupación por situar Rosalía no lugar que merece como escritora galega e como clásica universal.
– FR: Vén pola a sensación de que se estaba cometendo unha inxustiza brutal, e enriba a costa da deformación do propio país, como se aquí non se puidese facer nada que tiver unha transcendencia que non for puramente localista. Como é posíbel tanta literatura destinada a enterrala, acoutala nesa visión tan limitada? Para min a pregunta do millón era, entón Rosalía era nacionalista? Que era, unha parva que acertou por casualidade para facer dous libros? Nada casaba. Era tamén poñer en solfa se realmente o país non podía dar máis que unha imaxe enxebrista, limitada, choromiqueira, ou había realmente unha cousa máis complexa que se nos estaba furtando. E cada vez, o cabreo era maior. Teño a satisfacción de, a pesar de que no mundo académico máis penoso se fai un auténtico silencio da miña obra, unha persoa que si estudou o tema, e de maneira ben orientada, como Catherine Davies, no último congreso sobre Rosalía no Consello da Cultura Galega, dixera: “A min o libro que me gustaría ter escrito é o de Francisco Rodríguez Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro”, cousa que aquí non se di, senón que furtan, manipulan e aproveitan material e nin citan. Como pode escribir alguén agora “Rosalía escribía para vivir”, como novidade? Esa idea está estudada, traballada e publicada desde hai moitos anos, vostede non pode aparentar que é unha análise nova. (…)
– SG: Como ves o estado da cultura na actualidade?
– FR: Penso que no caso galego é moi difícil separar cultura do estatus e da situación do país. Na medida en que Galiza non avanza, senón que, máis ben, está nun impasse ou retroceso, pois todo se resinte. Caracterizaría o mundo cultural galego pola atomización, polas meritorias iniciativas individuais, polo intento de modernizala a través de internet, pensando que a presenza na internet é un bálsamo que vai solucionar o problema non só do salto á modernidade, senón o da popularización, e non é así. Penso que estamos facendo unha política de resistencia sen ser consciente moita xente de que é unha política de resistencia. A cultura de base, a popular, por exemplo, o que é o baile e o canto, a canción, a música en xeral, viven na marxinalidade. E iso non creo que o vaiamos superar unicamente cos medios tecnolóxicos. Isto esixe un traballo de base, e unhas mudanzas políticas, nunha dirección nacionalista. Creo que estamos despistados, desnortados e un pouco con leiriñas. (…)”