Desde Cultura Galega:
“(…) A Praza de San Roque, onda a sede do Concello de Xinzo da Limia, acollerá ás 12 da mañá deste 17 maio unha xuntanza do Harley Davidson Galicia Chapter. Afeccionados a estas motocicletas danse cita nun encontro que fai parte da celebración do Día das Letras. Non moi lonxe de alí o hipódromo de Antela acolle dúas horas máis tarde o Gran Premio Día das Letras Carlos Casares, unha carreira de cabalos en homenaxe ao escritor. Como punto común, o interese do autor tanto nas motos como na hípica. Son estas quizais as mostras máis orixinais, pero non as únicas, dos curiosos xeitos nos que se vai celebrar esta xornada en toda Galicia. Outras homenaxes pouco convencionais serán a exposición que amosa fotografías realizadas por el mesmo canda á súa colección de cámaras, ou a que recupera a súa compilación de edicións internacionais de O principiño. Canda a elas, están a se desenvolver distintas iniciativas que lembran as súas afeccións a contar historias, o seu gusto polos trens ou o seu carácter viaxeiro, e revelan en boa medida como neste 2017 celebramos unha figura que transcende o escritor.
Un personaxe popular
Exemplos como este reflicten o carácter dun creador que contou cunha proxección pública sen moito parangón na nosa historia literaria. O carácter multidisciplinar da súa carreira, que alén da escrita integrou labores como docente, parlamentario, director de Galaxia ou presidente do Consello da Cultura Galega, entre outros, levou a Casares a contar cunha ampla exposición mediática. El mesmo contribuíu á súa integración como un personaxe do imaxinario colectivo do país a través das populares columnas Á marxe de La Voz de Galicia desde as que narraba, xa ben antes da existencia dos blogs, a súa cotidianidade e puña o público ao tanto das súas afección e intereses. Isto facilitou que os seus gustos e intereses (e ata o gato Samuel) pasasen a ser, en boa medida de dominio público. A relativa proximidade da súa morte, que fixo en marzo 15 anos, facilita tamén a percepción de falarmos dun personaxe aínda presente na sociedade. Algo que se reforza coas diferentes homenaxes que veu recibindo logo do seu falecemento e do traballo da fundación que mantén viva a súa memoria. Canda a isto, a continuidade de obras súas como lecturas recomendadas ou obrigatorias no ensino, tanto infantil como secundario, proxectos como a posta en escena por parte do Centro Dramático de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (en 2004 e 2014) e mesmo a denominación da rede de escolas infantís da Xunta como A Galiña Azul contribúen a manter presente o persoeiro e outórganlle a esta conmemoración o seu carácter distintivo.
As letras desde a figura
Segundo explica Håkan Casares, fillo do homenaxeado e administrador da fundación que leva o seu nome, esta orientación no Día das Letras que se lle dedica ao seu pai “é inevitable. Resulta unha figura moi popular, coñecida por moita xente que aínda vive e que o tratou. Entón isto transcende en todas as súas facetas. A de escritor é probablemente a máis importante, e seguramente sexa a que acabe por perdurar, pero as outras resultan tamén moi curiosas e moi interesantes”. Ao seu ver, estes xeitos de abordar a celebración teñen un grande potencial divulgativo e mesmo entroncan con boa parte da actitude de Casares. “Poden servir como forma de enganchar a xente que ao mellor non ten tanto interese pola literatura. Isto xa o practicou o meu pai en vida. Cando el escribía no xornal dunha forma deliberadamente sinxela para chegar a moita xente estaba a facer literatura en galego para públicos amplos a empregar temas en aparencia intranscendentes. E el mesmo explotaba facetas da súa vida privada absolutamente prosaicas como as historias do gato, a súa afección aos trens eléctricos ou calquera outro dos tópicos nos que hoxe se redunda”. (…)”