Entrevista a Mercedes Queixas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como avalías o estado actual do ensino galego?
– Mercedes Queixas (MQ): É complexo facer unha breve e, ao tempo, axustada descrición dunha realidade global tan diversa como é a que representa o ensino galego. A escola é una microsociedade e nos seus espazos internos espéllase todo o que acontece fóra dela a nivel familiar, colectivo, socioeconómico.
Neste momento, despois da fortísima regresión vivida desde hai cerca dunha década, percibo unha Administración educativa galega con competencias nesta área que non é quen de contrarrestar nin cuestionar as actuacións negativas e anuladoras do Estado canto aos principios pedagóxicos e os valores da identidade galega.
Percibo unha escola propositadamente cada vez menos pública, menos laica, menos democrática, menos galega, menos comprometida coa diversidade e con menos oportunidade para competir desde a calidade. Constato unha escola galega que, contra todo criterio didáctico, deixa de asegurar a adquisición da lingua propia cumprindo un papel desgaleguizador máis propio doutro tempo.
Asemade, comprobo con decepción como unha parte do colectivo de profesionais do ensino e da sociedade actúa desde a resignación e o conformismo, procurando sobrevivir de xeito illado a tanta involución e precariedade.
Con todo, a imaxe que permanece para min deste tempo tan duro desde a perspectiva socioeducativa é a intensa capacidade de unión resistente ao longo de moitos anos nunha parte moi importante da comunidade, que foi capaz de facer fronte e mesmo parar actitudes e resolucións moito máis lesivas e agresivas para o ensino público galego. (…)”