Entrevista a Manuel Lourenzo González en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cando pensas nun novo libro en que pensas antes? Na historia, no xénero, no público ao que vai dirixido… Como chega unha nova historia a ti?
– Manuel Lourenzo González (MLG): O público aparece despois. Tamén hai que dicir que cada un é unha experiencia diferente, non todos funcionan igual, pero o dominante no meu caso diría que o primeiro que me vén á cabeza é a historia, a idea que quero desenvolver, o argumento ou polo menos trazos do argumento. Logo iso vaise desenvolvendo e logo van nacendo outra serie de características, por exemplo o tipo de linguaxe, o espazo-tempo, e tamén nalgún caso o público ao que pode ir destinado. Quero dicir tamén que non teño moi claro estar de acordo con esa división en idades: lectura xuvenil, infantil… Si entendo que iso funciona e hai libros claramente clasificables. No meu caso non teño clara a delimitación, motivo polo cal libros meus que están nas coleccións xuvenís ás veces fánselle difíciles aos rapaces e serían máis accesibles para os adultos. Non teño un código, non sei se o ten alguén, conforme a literatura xuvenil ten que ser así, se non pode pasar estes lindes, o vocabulario, as expresións, a temática… Non teño nada claro todo isto. Eu teño as historias e desenvólvoas e unha vez que se van desenvolvendo van collendo a súa fasquía, o seu panorama e posiblemente tamén o seu público.
– SG: No caso de Ceiba de luz como foi?
– MLG: Neste caso sería un exemplo do que acabo de explicar. Foi primeiro a historia, ou parte da historia, porque nunca vén completa á cabeza. Logo a localización, a época, os personaxes foron nacendo ao mesmo tempo e unha vez que ía avanzada decátome de que si, ten características que a fan accesible e mesmo recomendable a público xuvenil. Naturalmente creo que o público adulto tamén atoparía elementos interesantes nesa historia e que incluso se se quere se podería desenvolver moito máis para facela máis, entre aspas, para adultos. (…)”