Suso de Toro: “Quero unha Galiza descolonizada e soberana”

Entrevista a Suso de Toro en Ideas.gal:
“(…) – Ideas.gal (I): Que é para ti Galiza, hoxe?
– Suso de Toro (SdT): Para min, intimamente, é o que foi desde neno, o meu destino. Un destino asumido e que vai acompañado dun punto de desesperanza e que se esforza cada día en negar a desesperación. Como sei que non teño o dereito a expresar os meus sentimentos sen máis diría que, como cidadán, é un proxecto de reconstrución dun país e un proxecto de construción nacional. A Galiza é o soño dunhas minorías, desde Faraldo e Rosalía, que soñamos unha nación que non conseguimos que exista. Intento racionalizar ese soño, non abundar na desesperación e na paranoia, que son as trampas nas que podemos caer as persoas que se senten marxinadas e orpimidas. O deber dos intelectuais é sinalar as debilidades e defectos do seu país e, tamén, imaxinar solucións e avances posíbeis. (…)
– I: Cal é a túa valoración da cultura galega, e por onde debería encamiñar o seu futuro?
– SdT: Existen unha serie de institucións, a cultura instituída nestes anos de autonomía interpretada e ocupada pola dereita submetida ao centralismo. A composición e as ideas reinantes nesas institucións, loxicamente, son as propias desta situación histórica. É evidente que se esta mesma etapa autonómica fose interpretada polo galeguismo político, como tería acontecido na II República de non ser o golpe de estado, as cousas serían ben distintas. Mesmo o debate tan significativo sobre as normas ortográficas e a concepción da lingua tería sido doutro modo. O modelo establecido é consecuencia de como se construiu o mundo universitario español controlado desde o españolismo madrileño, o mesmo acontece coas visións do reino da Galiza e da Galiza mesmo nos estudos históricos e prehistóricos… Pagamos esta historia tan dura nosa. Particularmente, sei que as institucións son necesarias e desexo que sirvan para dinamizar, non para frear e parasitar a creación existente, cousa que hoxe acontece. A creación artística hoxe é máis fértil do que poidamos lembrar quen nacemos no franquismo, hai unhas xeracións novas que crean proxectos creativos colaborativos no cinema, literatura, teatro, música… Fáltalles a amplificación, o eco que debera dar o poder político e os medios para que toda esa creación chegue á sociedade.”