Entrevista a Ramón Caride en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Estamos en Terra queimada ante unha novela breve pero argallada con diferentes fíos argumentais, con moitos personaxes. Un relato que exhala unha grande intensidade. Poderíamos considerar a Galicia rural como o nexo común de todas esas historias que transitan ao longo do libro?
– Ramón Caride (RC): Eu son moi fan do filme Vidas cruzadas, que está inspirado nos relatos de [Raymond] Carver, ou de Nueve vidas, o filme dirixido por Rodrigo García Barcha, o fillo de García Márquez, onde diferentes personaxes conflúen nun momento determinado pero logo nunca máis volven atoparse. Historias moi distintas pero que acontecen no mesmo sitio. Isto é un pouco o que define a vida, estamos no mesmo lugar pero o mundo discorre de diferente xeito para cada un de nós.
Por outra banda xa na miña primeira novela, Soños eléctricos, concorrían varias historias a través do libro. É unha característica da miña escrita e en Terra queimada pasa o mesmo, amósanse diferentes relatos na mesma narración, velaí está o suceso da guerrilla carlista, onde me interesaba moito o tema dos guerrilleiros no Paraño. Logo aparece a historia dos catro vellos que están xogando ás cartas, onde “parece” que non vai pasar nada. Asoman as personaxes de Sawa e do piloto do helicóptero, no cal abordo o tema de emigración pero serve tamén para lle dar unha volta ao tema do rural, que por unha banda esmorece, é abandonado, pero tamén no rural principian outro tipo de historias.
Se colles todo o anterior e dáslles unha volta e outra, ao final atopas ao fío que as xungue a todas: o lugar onde acontecen. (…)
– FL: Un dos cadros que nos amosa en Terra queimada é a deleiba do mundo rural. Un mundo que esmorece, que envellece como os catro xogadores de cartas coa que arranca a novela. Que -en definitiva- desaparece.
– RC: No que vas ao interior de Galicia, ou te afastas un pouco da costa ou das cidades grandes, isto é o que hai no país. Unha poboación envellecida que está como esperando algo pero que en realidade non agarda por nada, porque saben que ese mundo, o seu mundo, vai desaparecer con eles. Esa é a imaxe, pasar o tempo xogando á baralla. É unha maneira de arrincar a novela, unha paisaxe onde –aparentemente- non pasa nada. Catro persoas, avellentadas, que parece que xa viviron todo e que, como dicía antes, nada axitará as súas vidas.
Eu reivindico moito, á hora de facer literatura, o anódino, a tensión que hai no cotiá. Mira a túa vida, mira a miña vida, seguramente non nos pasen cousas transcendentes a meirande parte do tempo, pero sen embargo, as poucas arroutadas ou os únicos momentos singulares que se apartan da vulgaridade, non teñen sentido se non consideras o resto.
Velaí a razón pola que eu principiei a novela con eses homes, con esa acción de xogar á baralla. É unha estampa.
– FL: Vostede procede do concello de Cea, unha zona que doadamente podería reflectirse en Terra queimada. De que xeito o contexto familiar e paisaxístico no que medrou transformouse na escrita desta novela curta? Que importancia tivo o factor sentimental á hora de escribir?
– RC: Unha historia sempre hai que escribila dende a emoción, entendo eu. Escribir, polo menos no meu caso, implícate como persoa, introduces a memoria e incluso o teu estado emocional. A ver, nun primeiro momento a historia é imaxinaria, pero claro, velaí está a corta dos piñeiros, que eu coñezo ben porque viñan cortar madeira aos meus pais. Aquí na novela chámase Ramón, non me lembro como se chamaba daquela o tipo pero mentalmente teño na cabeza a súa imaxe moi nítida. Eu recordo a Tereixa, cando neno, que tiña unha taberna… Todo isto ao final vas revivindo cousas, lembras e imaxinas outras… e todo isto vai xuntándose. E seguramente máis cousas. Os topónimos proceden de Terra de Montes e da zona do Carballiño. Reflíctese claramente o Paraño, pero estamos en Terra queimada ante unha Terra de Montes un pouco imaxinaria. (…)”