Desde Cultura Galega:
“A editora Axóuxere e mais o Concello de Rianxo fallaban o pasado 1 de marzo a súa convocatoria de residencias de primavera para escritores e escritoras e pensadores e pensadoras. Aínda que o chamamento prevía acoller unicamente unha persoa en cada unha destas categorías, finalmente serán tres os proxectos que se desenvolverán na sede desta iniciativa na aldea de Brión (Rianxo). No apartado literario, foron seleccionados a cubana Jamila Medina Ríos coa súa “proposta narrativa vencellada cunha exploración alicerzada nun diálogo coa tradición psicanalítica e as literaturas ligadas á exploración do inconsciente, buscando espazos de iluminación e coñecemento nas fendas internas que nos compoñen” e mais Keith Payne, de Irlanda, “coa proposta de elaboración dun longo poema narrativo conectado, estilística e conceptualmente, coa xinea dos seanchaí gaélicos, a antiga tradición dos bardos irlandeses errantes”.
No apartado de pensamento o xurado seleccionou a proposta do galego Guillermo Rodríguez Alonso para desenvolver unha investigación “arredor dunha ontoloxía poshumana na que o pensar se realice na encarnación práxica dunha forma de vida alonxada da violencia metafísica dos dispositivos de poder modernos, tentando atopar devires alternativos para un ser posible e por vir”.
A organización destacou a variedade e a alta calidade das propostas recibidas desde diferentes países e lembra que está aberto ata o 15 de marzo o prazo de presentación de propostas para a convocatoria de residencias de verán.”