Andrea Nunes Brións gaña o Premio aRi[t]mar á Mellor Poesía do Ano 2025 na Galiza con “Un mar que soña”

A Deputación recoñece a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua

Desde a Deputación da Coruña:
“A Deputación da Coruña recoñece nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G. O certame, dotado con 5.000 euros para cada unha das categorías, está convocado pola Área de Lingua da Deputación e ten como obxectivo recoñecer persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade. Na edición deste ano presentáronse 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.
Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón. O xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», así como a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua.
Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».
Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa «traxectoria consolidada de trinta anos» e o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».
Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.
No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.
Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.
O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.”

Os Premios Lois Peña Novo recaen en Aurora Marco, Xosé Manuel Beiras e o Celta

Desde Nós Diario:
“O servizo de comunicación do Celta de Vigo, a profesora e investigadora Aurora Marco e o político e intelectual Xosé Manuel Beiras son os recoñecidos este ano polos Premios Lois Peña Novo, que entrega a fundación homónima e que en 2026 alcanzan a súa XXX edición.
Os Premios Lois Peña Novo creáronse en 1995 co obxectivo de premiar e recoñecer o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da normalización da lingua galega.
O xurado galardoa o servizo de comunicación do Celta polo seu “traballo sostido desde o ano 2013 na incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo á normalización lingüística e levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade”.
O xurado, neste sentido, valora o uso do galego na comunicación corporativa, nos encontros deportivos, nas ferramentas dixitais, na aplicación oficial, nas redes sociais e na relación coa afección, “moi especialmente entre a mocidade, as familias e a comunidade dixital, salientando a súa capacidade para asociar o galego á emoción deportiva, á pertenza e á modernidade, facendo do idioma unha parte esencial da identidade celeste a través de símbolos compartidos como o himno Oliveira dos Cen Anos, convertido nunha expresión de orgullo colectivo”.
No que respecta a Aurora Marco López, profesora universitaria, investigadora e escritora galega recoñecida polo seu amplo labor no estudo da literatura e da historia cultural da Galiza, o recoñecemento vén “pola súa contribución decisiva a facer visíbeis figuras femininas esquecidas ou marxinadas pola historia oficial e polo compromiso constante coa lingua galega como ferramenta de investigación, divulgación e pensamento crítico”.
O xurado valora unha obra sólida e continuada, con títulos fundamentais como Dicionario de mulleres galegas, Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Elas ou Irmandiñas, “que rescataron nomes, vidas e traxectorias imprescindíbeis para comprender a historia do país salientando a unión entre lingua, memoria e xustiza histórica, ampliando o imaxinario colectivo da Galiza e ofrecendo ás novas xeracións referentes femininos, culturais e cívicos expresados desde o galego”.
Por último, Xosé Manuel Beiras é premiado “pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da dignificación da galiza ao longo de máis de seis décadas”. A través da súa obra, do seu labor docente, da súa presenza institucional e da súa intervención constante no debate público, explica o xurado, contribuíu a facer da nosa lingua unha ferramenta de pensamento, ciencia económica, reflexión política e compromiso social”. O xurado valora especialmente a súa participación en proxectos como a Revista de Economía de Galicia e a súa extensa obra publicada, nomeadamente O atraso económico de Galicia, “referencia esencial para a análise crítica e a interpretación da realidade do país”.
A súa personalidade e o seu compromiso” fixeron que moitas persoas, ao longo de varias xeracións, asumisen a galeguidade como unha forma de vida, de pensamento e de dignidade colectiva”.”

Manifesto da Plataforma de Crítica Literaria A Sega. Begoña Caamaño XIII Nosa Señora das Letras. 2026

Desde A Sega:

Das que miran cara atrás para mirar cara adiante

Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergar o noso arredor e o cara a adiante. Na literatura dos homes, a figura dos clásicos (sempre en masculino branco occidental cisheterocentrado), actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada. Por iso, unha e outra vez, as autoras debemos facer fronte e fitar aos ollos os relatos creados nas diferentes culturas. Transgredir para chegar a outro lado. Desfacer os mitos dos heroes, as fazañas que se edificaron sobre os nosos corpos e mediante a nosa opresión. Remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente. É esta unha tarefa ben complexa e hai a quen as meigas e as deusas tocan para que dese esforzo emerxa non só unha relectura, senón tamén unha voz singular e única. Escritas que tecen devanceiras para converterse nas nosas fragas libertarias. Relatos que revisan conceptos da nación. Palabras que anovan a linguaxe ao fozar cunha pericia insólita nos lugares máis escolleitos do idioma. Novelas que refugan da superficialidade e buscan irmás cómplices nas súas profundidades. Mares, fragas, tecidos, rebeldías, amizade, sororidade e comunidades de mulleres. Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño.

Comezan as votacións populares para elixir os mellores poemas de 2025 no Certame aRi[t]mar

Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña gañan o Premio Antón Losada Diéguez con dúas obras de forte compromiso social

Desde Galaxia:
“O concello ourensán de Boborás acolleu o fallo da 41.ª edición do Premio Antón Losada Diéguez, un dos galardóns máis prestixiosos das letras galegas, que nesta ocasión recoñece o traballo de Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña por dúas obras publicadas por Editorial Galaxia.
O xurado, composto por representantes das tres universidades galegas, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, entre outras institucións, destacou o valor de dúas propostas que sobresaen pola súa innovación e compromiso social.
Na modalidade de creación literaria, resultou gañadora Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez, unha novela que, segundo recolle a acta, constitúe unha «narración de alento lírico e esteticamente innovadora». O tribunal puxo en valor tamén a elección temática da obra, centrada na mobilización sindical do naval de Vigo nos anos noventa, un escenario aínda pouco explorado na literatura galega.
Pola súa banda, na categoría de ensaio e investigación, o galardón recaeu en As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936), de Carmen V. Valiña. O xurado salientou a capacidade da autora para combinar o rigor histórico cun estilo próximo á narrativa de ficción, ofrecendo unha análise crítica da realidade das mulleres internadas no sanatorio compostelán e abordando cuestións como a violencia machista ou a disidencia social.
A deliberación estivo presidida pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, na súa condición de presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez. O certame, impulsado polos concellos de Boborás e O Carballiño e coa colaboración da Deputación de Ourense, está dotado con 6.000 euros para cada unha das gañadoras.
A cerimonia de entrega terá lugar o vindeiro 13 de xuño no pazo de Moldes (Boborás), nun acto literario que homenaxea a figura de Antón Losada Diéguez.”

Marga do Val, premio Cidade de Tui 2026

Desde o Concello de Tui:
“A escritora Marga do Val na categoría individual e o Tyde F.C. na de colectivo recibirán os premios Cidade de Tui de 2026 en recoñecemento a súa achega á cidade e á sociedade tudense en diversos ámbitos. Así o acordou o Concello de Tui a proposta unánime do xurado destes premios, tras un amplo debate entre posibles persoas candidatas a este galardón. O acordo foi aprobado na Xunta de Goberno Local.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes premios “exemplifican a vitalidade da vida tudense, o dinamismo dos seus diversos sectores sociais así como a capacidade creativa e innovadora de tantos tudense en diversos ámbitos da vida social”.
Sinala Enrique Cabaleiro que os galardoados deste ano son amplamente merecentes deste Premio Cidade de Tui. Cen anos de historia atesoura o Tyde F.C. dende a súa fundación en 1926. Dende entón ten destacado polo intenso labor de promoción do deporte que veñen realizando no fútbol base e no fútbol feminino. Tense convertido nunha referencia do deporte tudense pola súa longa traxectoria e polos éxitos deportivos acadados coma o ascenso a Rexional Preferente a temporada pasada. Pola súa banda, Marga do Val une a súa ampla actividade literaria, onde Tui e os tudenses teñen un papel protagonista, a súa faceta como promotora e divulgadora da cultura galega e o seu papel como fundadora e presidenta do Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” que organizan anualmente un amplo programa de actividades en lembranza deste tráxico acontecemento histórico decisivo para o movemento agrario de Galicia.
A entrega destes Premios Cidade de Tui terá lugar o sábado 4 de abril no Teatro Municipal como acto de apertura das festas patronais de San Telmo.”