Desde o Portal das Palabras:
“Escollemos este setestrelo de voces para celebrar o centenario do nacemento da poeta auriense Pura Vázquez, que brillou coa súa palabra literaria na segunda metade do século pasado, alén de ser a súa obra unha referencia para as promocións de autores e autoras que viñeron despois. Ela puido presumir de ser a primeira escritora que publicou unha obra no noso idioma logo do alzamento incivil de 1936, cando se pretendía afogar a literatura galega nas escuras augas da censura, o silencio e o exilio. En plena ditadura, Pura Vázquez amosa a seguridade e a fortaleza necesarias para transitar con paso firme por camiños que non eran doados naquel tempo para ninguén, e menos aínda, para unha muller: escribe e publica os seus textos, e faino no idioma propio, sen renunciar á defensa da galeguidade, nin no plano lingüístico, nin tampouco na reivindicación da historia e a cultura do país, a través de alusións expresas aos grandes referentes da nosa identidade secular, con Rosalía á cabeza.
Trataremos, entre outros aspectos da súa biografía, do seu traballo como mestra na etapa de infantil, da súa querenza polas artes e en particular pola música, do seu espírito inquedo e viaxeiro e, como non podía ser doutro xeito, da especialísima relación coa súa querida irmá, Dora Vázquez, con quen compartiu a vida e a paixón polo oficio de escribir en varias obras de feitura conxunta. Farémolo a través de sete palabras escollidas entre os seus versos que, por diferentes motivos, locen de maneira singular entre os seus libros de poemas. Querida Pura, comezamos!”