Cerdedo-Monte Seixo: XV Xeira Alén Miñor (5 de maio de 2018)

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Percorreremos, guiados pola sensata palabra colmada de sentimento de Calros Solla, o Monte do Seixo, mítico cimeiro da Terra de Montes, biqueira da Serra do Cando. Cos seus picoutos, encostas e bosques, con vistas maravillosas (cando o vento norte limpa de nubes o horizonte) á Ría de Pontevedra, os concellos veciños de A Lama, Beariz e Forcarei.
Unha serra parcialmente esnaquizada por un parque eólico no ano 2000, pero que todavía conserva unha forte pegada etnográfica, con moitísimas lendas e referencias prehistóricas, castrexas e de sabedoría tradicional. Esta montaña máxica que para os devanceiros era un medio de comunicación coas deidades celestes atesoura un abraiante patrimonio material, natural e inmaterial: túmulos, vereas, marcos, pedrafitas, milladoiros, foxos, neveiros, afloramentos graníticos de caprichosa feitura. A natureza exprésase nas mandas de garranos e de vacas que campan pola serra tendo conta das súas vidas cando o lobo llo permite. O vento mareiro deloura cornos e crinas nos piricotos orientados cara ó mar.
Iniciaremos o itinerario camiñando dende a necrópole neolítica da Chan de Mamas ata Portalén-Marco do Vento (5 Km. ida e volta). De camiño daremos razón das Lagoas de Xestido, Outeiro da Cama e Laxa Mosqueira (pedras referidas da fertilidade), do Almadraque de Pirocha (representación da Moura-Deusa Nai), da Trampa do lobo, da Cruz do Seixo (Ara Solis), Marco do Vento (marco de deslinde de unidades territoriais locais) e, por suposto, visitaremos e gozaremos dun lugar que non nos deixará indiferentes: Portalén (a porta doutro mundo, oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós…), lugar inveterado de culto e ritualidade.
En Castro Grande avanzaremos ate as Pedras Ghiadas (aliñamento lítico), a Mámoa de Xestido e a Lagoa do Medio.
Neste itinerario o guía falaranos das innumerables lendas e tradicións como a do rato Rabisaco, a Besta branca, a Moura de loiros cabelos, a Galiña dos pitos douro, etc.
Pola tarde visitaremos o barrio de Pedre co seu conxunto de hórreos, a Ponte Medieval de Santo Estevo de Pedre que salva o Lérez e a aldea vella de Vichocuntín, descuberta hai poucos anos. Componse de media ducia de vivendas cuxa feitura, dimensións, materiais e anexos falan dunha, noutrora, puxante comunidade agropecuaria. Destacan un muíño roulón e un pombal, e un hórreo de catro esteos pousados no valo da congostra, sinal de propiedade do terreo no que asenta.

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA

DATA: 5 de Maio de 2018
GUÍA: Calros Solla Varela (profesor, escritor, membro do colectivo Capitán Gosende)
HORARIO APROXIMADO
SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.
CHEGADA: Sábado, aproximadamente ás 21:00, ao mesmo lugar de partida.
Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/627 276816, de luns a venres de 18:00 a 21:00, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal
PREZO SOCIOS/AS: 40 EUROS
PREZO NON SOCIOS/AS:45 EUROS
Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164
O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar e o guía.”