Entrevista a Rosalía Fernández Rial en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Despois dunha obra eminentemente poética, atrévese agora coa narrativa.
– Rosalía Fernández Rial (RFR): A verdade é que foi algo bastante natural. Xurdiu un pouco de repente, experimentando onde están os límites do poético e entre os xéneros. En Bonus Track pártese das letras das cancións. De aí xurdiron relatos que me levaban á narración, pero tamén é certo que hai un compoñente poético innegable.
– LO: Non podía afastarse do lirismo?
– RFR: Non podía, pero tampouco quería [risas]. Desde o principio, algo que caracteriza a miña obra é a comprobación de que os límites entre os diferentes xéneros son relativos, que queremos impoñer máis etiquetas das que realmente caben na literatura. O mesmo sucede entre as diferentes artes, que están moi presentes en Bonus Track.
– LO: É un libro sobre ese intre no que se toca fondo. Que lle interesaba desde momento?
– RFR: Gustábame explorar esa cuestión de como ás veces nos atopamos nunha situación límite, e parece que está todo perdido, pero de repente acontece algo que cambia a situación. Todos os relatos teñen en común a presencia destas personaxes as que parece que lles vai chegar a última oportunidade, pero que se atopan nun punto de inflexión na súa vida. Ese xiro inesperado ten que ver co propio título. Un cd acaba, e de repente aparece unha canción que non esperas. O bonus track. (…)
– LO: Na súa poesía tamén estaba moi presenta a música. Ata onde chega na súa obra a relación entre ela e a literatura?
– RFR: Atravésaa por completo. O primeiro poemario que publiquei no 2009 titúlase En clave de sol, e leva o subtítulo Poemario musical. É curioso que, tanto tempo despois, o proceso me levara a atoparme outra vez de maneira tan explícita coa música. Desde logo, está en todos os poemarios. Eu creo que literatura e música sempre foron vinculadas, pero que a propia fala ten un ritmo, un ton, e a miña cabeza funciona moito con ese swing. É como se tocas un jazz no piano. O teclado do meu ordenador parece que se converte por veces nun instrumento, porque o proceso polo que me van chegando as palabras o asocio moito coa música.”