…o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.
Augas do Lea, arrolo do meu berce
que ao Miño da nacencia ides,
levade as brancas palabras
de fariña triga,
as que a mai bordou en min
co fío de ouro desta Lingua.
E ti, amada miña,
tráeme aquí no día derradeiro
e déitame neste chao.
Serei unha cerdeira.
Xabier P. DoCampo
Xabier P. DoCampo, Socio de Honra da AELG, autor referente dunha obra narrativa de ficción que supera a trintena de títulos publicados, fortemente imbricada na tradición contística galega, inauguradora da literatura infanto-xuvenil contemporánea que abriu as portas, desde a casa e a escola, á formación do público lector máis novo, alicerce e semente do imprescindíbel substrato cultural de hoxe, e recoñecida cos máis importantes premios a nivel nacional e internacional.
O seu traballo, que se estende aos ámbitos da dirección, guionización ou escrita de obras para teatro, radio, vídeo, cine… transportou a nosa lingua creativa a toda a rede de espazos comunicativos.
Aprendemos nos seus libros a nomear os soños, a natureza e os seres que a habitan. Máis tamén foi transmisor de valores humanos fundadores que dende a noite da historia conformaron o ser galego, deitando no longo camiño da súa extensa e intensa obra alfaias de rebordante humanidade.
Sementador de normalidade cultural e social até a súa última intervención pública na Gala do Libro Galego 2018, co seu fértil labor de ensinante e de escritor sostivo as trabes da casa comunal dos galegos e galegas, co talento e o oficio dos humildes e unha insubornábel honestidade literaria.
Na Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” que a AELG tributou a DoCampo en 2014, estableceuse un diálogo fraterno entre Agustín Fernández Paz, quen elaborou a laudatio, e esta resposta de Xabier P. DoCampo, diálogo que nos permite coñecer un anaco fulcral da nosa historia literaria e a dimensión humana de quen hoxe, 26 de xuño de 2018, nos deixou.
O mércores 27 de xuño, ás 20:30, terá lugar un acto cívico de despedida no tanatorio Servisa da Coruña (como chegar), onde xa ten lugar o velorio.