Na Cidade da Cultura de Galicia continúase no 2019 coas actividades que están a arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, mostra que permite contemplar por vez primeira en Galicia a A derradeira leición do mestre, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Deste xeito, o 17 de xaneiro esperamos contar contigo nun programa de actividades que poñen o foco no exilio, que marcou o artista e intelectual galeguista e a tantas e tantos do seus coetáneos, xa que foi nesta circunstancia cando pintou o óleo que artella o relato da mostra.
Así, no Museo Centro Gaiás celébrase ese día, ás 20:00 horas, un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) que, baixo o título Os camiños de Castelao, ofrece un repertorio centrado nos países que percorreu na diáspora e no exilio o artista de Rianxo (máis información aquí). E previo a esta actuación, organizouse un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional (toda a información sobre esta actividade, aquí).