Entrevista a Miguel Anxo Mato Fondo en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Define Adeus, capitán Walton coma unha escrita poética. É difusa para vostede a liña entre prosa e poesía?
– Miguel Anxo Mato Fondo (MAMF): Está moi difusa pola propia historia da literatura. Non vou dicir que o concepto de xénero estea superado, pero ás veces ten zonas intermareais onde se confunde a lírica coa prosa ou incluso coas formas teatrais. Eu escribo, e a miña escrita é fundamentalmente poética nas personaxes, nas descricións?
– LO: O seu cultivo dos xénero comparte ademais un fondo pouso autobiográfico. A literatura é un espello?
– MAMF: Si. Cada unha das personaxes deste libro son eu. E moitas veces me inspirei en paisaxes da miña infancia. Os xuncais, a vexetación? Ou Adeus, capitán Walton, un pub de Ponteceso, onde sempre escribo e presento libros.
– LO: Precisamente ata alí retrocede na obra, ao Ponteceso dos anos 60. Foi aquel período tan crucial como semella?
– MAMF: Si, porque foi o nacemento de min mesmo como lector. Eu recordo un Ponteceso de inverno, no que ás veces faltaba a luz. E logo están os xuncais, sobre os que está creado o meu imaxinario. É onde me identifico máis, porque o levo desde a infancia. (…)
– LO: No fondo deles, agóchase unha defensa da profesión literaria. Cal é o sentido de escribir hoxe para Miguel Mato?
– MAMF: Escribes porque tes que escribir. A escrita para min é consubstancial coa vida, é unha forma de vida como amar. Escribir ante todo é coñecer. Non rematas de coñecer algo da túa vida ata que o escribes. E logo tamén é a procura da fermosura. Por iso detrás disto hai unha defensa da literatura como beleza.”