Ursula Heinze: “Teño máis de setenta libros publicados, pero nunca percibín un recoñecemento”

Entrevista de Mario Regueira a Ursula Heinze en Sermos Galiza (foto do propio Mario Regueira):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Delirios de pracer é un libro novo nunha nova editora e que ademais toca unha temática, a da sexualidade feminina na vellez, nunca vista na literatura galega. Que recepción está tendo a obra?
– Ursula Heinze (UH): O certo é que é un tema que, non sei por que, ten moi pouca repercusión. Os outros libros, que falaban da experiencia psiquiátrica, tiveron moita máis resonancia. Neste caso non foi así, non sei se é por tratar un tabú que a xente non se atreve a ler, ou por ser un libro publicado por unha editorial pequena e nova como Aira. Aínda que tamén teño que recoñecerlles que o publicasen, pois foi un libro difícil de sacar adiante. Mesmo me dixeron que o problema era que non hai ningunha editorial que se dedique á literatura erótica en galego, que en España si. Pero eu en España non pinto nada, quería sacalo en galego. Recibín moitas negativas, pero eles comprometéronse e sacaron a obra bastante rápido, ademais.
– SG: Hai moitos temas complexos e polémicos dentro da obra ademais do tema da vellez: a muller que exerce a súa autonomía respecto da súa propia sexualidade, ou o tema do traballo sexual. Cal foi a principal dificultade á hora de abordalos?
– UH: O tema da sexualidade quedaba pendente da miña novela anterior Pon un psiquiatra na túa vida (Alvarellos, 2017). Hai un momento no que a protagonista lle pregunta ao psiquiatra como pode xestionar a súa sexualidade e el non contesta, desvía o tema. Sabía que tiña que coller iso e facer algo con el, e o problema era como atacar un tema así. Dentro da trama entendín que era unha muller maior que dificilmente podía atraer unha persoa nova, así que tiña que pagar polo sexo, algo que é tamén un risco. Enfrontábame, porén, a un dobre problema, xa que eu non coñecía o mundo da prostitución e iso presentábame unha dificultade mesmo léxica. Por sorte teño unha amiga que sabe un pouco máis ca min e puiden preguntarlle e traballar as expresións, atopar os xiros apropiados. Moitas veces dicíame: “Non, non é iso o que queres dicir”. Foi problemático, pero é que tampouco hai moitos recursos que consultar á hora de traballar a expresión do erotismo en galego. (…)”