Rematada a xira de Voaxa e Carmín, ButacaZero, non para. Catro meses despois de estrear Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], chegou aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria e que chega agora a Lalín. A cita será o venres 15 de marzo ás 21:30 no Salón Teatro de Lalín.
A nova peza da compañía vén avalada ademais polo Centro Dramático Galego, que coproduce da obra. Foi precisamente no Salón Teatro onde veñen de estar durante dúas semanas de residencia técnica no mes de xaneiro, cando se estreou a obra, o pasado 25 de xaneiro de 2018. Para este 2019 a xira contempla, entre outras, as paradas en Arteixo, Ponteareas, Lalín, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa ou Tomiño
Con Voaxa e Carmín, Esther F. Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.”