Entrevista de María Obelleiro a Víctor F. Freixanes en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como percibe a situación que vive o galego?
– Víctor Freixanes (VF): Detectamos que o coñecemento da lingua existe, o que non existe son espazos de uso e socialización, sobre todo na xente nova, algo que nos preocupa moito. Temos que escoitar as mozas e mozos e implicalos en iniciativas de dinamización lingüística.
– SG: E nesa falta de socialización, canto influíu o decreto do plurilingüismo?
– VF: Fixemos unha primeira exploración hai anos e agora o seminario de sociolingüística, que coordina Henrique Monteagudo, está finalizando un estudo de campo para ver cales son as consecuencias do decreto. Podo ofrecer a impresión dalgúns datos dos que dispoño. Para unha segunda análise escollemos o concello de Ames, onde percibimos que hai moitísimos pais e nenos que falan galego na casa, mais cando os pequenos van á escola pérdeno. Algúns din que o perden porque se decatan de que o galego non serve de nada. É aí onde hai que actuar. Hai que demostrar na práctica que en galego podemos estar na modernidade. Se non entramos na nova modernidade, desaparecemos como o azucre en auga. A lingua forma parte esencial da nosa identidade e iso non o podemos negociar. O galego non é unha lingua local, está conectada co portugués e co brasileiro. (…)”