“A Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de lectura que terá lugar o mércores 29 de maio.
Este ano a Fundación Eugenio Granell dedica o Maratón a Antonio Fraguas Fraguas, dada a súa vinculación coa figura de Eugenio Granell e sumándose así á conmemoración do Día das Letras Galegas. D. Antonio Fraguas formou parte do padroado da Fundación cando se constituíu no ano 1995. Ambos os dous foron nomeados “Fillos adoptivos da Cidade de Santiago”, Antonio Fraguas no ano 1989 e Eugenio Granell no 1997.
Este ano temos a honra de contar coa colaboración do Museo do Pobo Galego, espazo referencial que ampara a Fundación Antonio Fraguas Fraguas, institucións que son depositarias do seu legado intelectual e traballan conxuntamente por mantelo e difundilo.
Como todos os anos poderedes achegarvos ao Museo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, a escoitar ou a participar lendo algún fragmento da obra do escritor seleccionado.
Para facer máis doada a organización do acto, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.”