Entrevista a Celia Díaz Núñez en La Región:
“(…) – La Región (LR): Que ten en común coser e escribir?
– Celia Díaz Núñez (CDN): Escribir é un oficio que require moita dedicación. García Márquez comentaba que a tarefa de escritor era moi parecida á de carpinteiro, porque había que poñer moitos cravos. Como son filla de xastre, fixen as similitudes coa costura: para facer traxe necesitas unha tea bonita, na literatura un argumento interesante. O xastre utiliza moitas puntadas e o escritor é un artesán das palabras. A palabra relato ten moito que ver con retallo. Pequeniños textos, pequeniños detalles. Este libro [Corte e confección] adícoo á memoria de meu pai, que era xastre.
– LR: Son relatos de temas cotiáns?
– CDN: Son relatos de temas moi variados e actuais: violencia de xénero, explotación sexual das mulleres, soidade dos anciáns, abandono do rural, a beleza da paisaxe rural fronte á carencia de servizos…
– LR: É un libro pausado, de buscar as palabras exactas?
– CDN: Eu é que son moi lenta escribindo! Procuro traballar moito as palabras. As puntadas. Son relatos fáciles de ler, algúns deles moi curtos. É a primeira vez que publico relatos, sempre escribín novela ou teatro.
– LR: Sendo docente, inflúe tocar os temas actuais que menciona?
– CDN: Cando escribo para rapaces escribo de temas interesantes para eles. O último que escribín é un libro sobre os nenos migrantes, teñen que estar informados. Nos anteriores libros, temas máis fantásticos. Agora interésanme os temas dos que falas con eles en clase, coma estes, dos que teñen a súa opinión. (…)”