A Xunta abriu o concurso de ideas entre a cidadanía para dotar de nome á Biblioteca Pública de Ourense

Desde a Xunta de Galicia:
“A Xunta de Galicia abriu o concurso de ideas para dotar de nome á Biblioteca Pública de Ourense tras a súa apertura na nova sede en San Francisco. Con esta iniciativa búscase coñecer as propostas de denominación por parte da cidadanía e das entidades socioculturais de Ourense e do resto de Galicia. Delas, obterase a denominación que finalmente se propoña para nomear este destacado equipamento cultural.
Entre as propostas que concorran valoraranse especialmente aquelas que conteñan nomes de persoeiros ou colectivos relacionados co mundo do libro, das bibliotecas, da cultura e das institucións culturais en xeral, nacidos ou vinculados coa cidade das Burgas ou con Galicia.
Poderán participar neste concurso de ideas todas as persoas físicas maiores de 18 anos e as persoas xurídicas e entidades legalmente constituídas que o desexen. Para facelo, deberán achegar o seu nome completo e o seu NIF/CIF, a denominación da proposta e a motivación da mesma. Cada persoa ou entidade poderá propoñer un máximo de dous nomes.
O prazo de presentación comezou o luns 20 de xaneiro e rematará o luns 3 de febreiro ás 14,00 h. As persoas interesadas en participar deberán remitir un correo electrónico cos datos solicitados a concurso.ideas.ourense@xunta.gal.
A Xunta de Galicia, tras a valoración dunha comisión formada por persoas do ámbito cultural, dará a coñecer a denominación da Biblioteca de Ourense ao longo do mes de febreiro.”