Ampliación do período para a recepción de orixinais no III Premio Roberto Vidal Bolaño

“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.

BASES:

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
3. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. O premio poderá quedar deserto se a calidade das obras presentadas non é a axeitada segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais prolóngase ata que volvamos á normalidade.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre cos datos do autor/a.
8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, e dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer no mes de xuño de 2020. Farase entrega do premio nun lugar que se convirá, para tal efecto, na última semana dese mes.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”