Francisco Xavier Senín, Premio Nacional pola súa traxectoria de tradución ao galego

Desde Nós Diario:
Francisco Xavier Senín Fernández foi galardoado co Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deportes, que distingue así a súa “dilatada” carreira como tradutor ao galego, “a partir de obras de gran variedade temática e tipolóxica”.
O xurado do premio, que concede o Ministerio de Cultura, destacou como a obra de Senín abrangue desde clásicos como O Quixote a libros de literatura infantil e xuvenil, banda deseñada…
“As súas traducións destacan pola súa calidade e meticulosidade, nas que mostra un coñecemento pouco común das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego”, indica o fallo do xurado deste galardón, dotado con 20.000 euros.
O Premio Nacional á Obra dun Tradutor ten como obxecto distinguir o conxunto do labor realizado por un tradutor do Estado español, sexa cal for a lingua ou linguas utilizadas no desenvolvemento do seu traballo, e que dedicase especial atención á tradución de obras estranxeiras a calquera lingua do Estado español.
Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Ademais, foi impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega de O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001.
Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).
O filólogo, nacido en Pontecesures, encarna unha das figuras máis destacadas do panorama da tradución ao galego con máis de 150 volumes publicados en numerosas editoriais, desde obras de gran popularidade como Astérix até clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha.”