Entrevista a Jamas en Balea:
“(…) – Balea (B): Houbo quen lle deu ao deporte, outros a ver películas e ti escribiches un libro [Diario dun pirata confinado]. Dende logo non está nada mal!
– Jamas (J): Hai que darlle! A min sempre me molou escribir dende pequeno, sobre todo poesía. O que pasa é que nunca me decidín a intentar publicar nada máis aló do rollo musical. Ter tempo tamén axuda. E se algo tivemos no cativerio, foi tempo.
– B: No libro hai unha mestura entre realidade e ficción, pero ata que punto isto é así? Hai máis realidade ou ficción?
– J: Penso que hai máis realidade. E incluso hai capítulos e vivencias que seguro que a xente pensa que son ficción e son totalmente verídicos, pero tamén hai ficción porque me interesaba viaxar un pouco máis alá da rutina deses días. (…)
– B: Dis no libro que a maior loita contra a situación era ter un sorriso nos beizos.
– J: Eu creo que hai que ser optimistas e positivos sempre. Se estás fodido, sexa con isto ou con outra cousa, o tempo pasa igual e non diferencia entre amargura e felicidade. Á parte, tendo unha pequena que tiña 17 meses cando comezou todo, non o podes permitir. Hai momentos nos que si, todos somos humanos e podemos estar mal. E se vives nun piso non é como se tes unha casa grande. Daba unha perna eu por catro metriños de leira aínda que sexa para poder respirar.
– B: A pandemia era para todos pero ao final si que entendía de clases.
– J: Si que entende, por desgraza si. E xa non é a sorte de ter un chalé con piscina, só con ter unha casiña na aldea, que xa non é de xente con cartos a maioría, a calidade de vida é un salto criminal respecto a estar nun piso. E xa non che digo un apartamento ou así. E xa se vive unha persoa soa… iso debeu ser caldo de cultivo de moitas enfermidades mentais. (…)”