Desde Radiofusión:
“Carlos Negro vén de publicar en Xerais o libro de relatos Non cantan paxaros neste bosque. Un puñado de relatos que fan honor á literatura tradicional inglesa deste xénero no que Negro se formou como lector. No transcurso do club de lectura Carlos Negro fala tamén das posibilidades que nos proporciona a ficción “para vingarnos dos abusóns e para exorcizar os nosos medos”. A literatura de fantasmas e de terror é moi esixente, ten que ser moi lograda para que faga efecto, por dicilo dalgunha maneira. Negro púxose un reto diante deste libro: “Vou ver se son quen de facelo”. Quixo, ademais, darlles aos relatos un marco actual, con ambientes cotiáns. “Converter lugares neutros como unha estación de servizo, un autobús escolar ou un tobogán, en lugares extraordinarios é todo un reto” afirma Negro.
“Bruno non percibiu como un monte de carne se abalanzaba sobre el, inmovilizándoo contra o chan. Antes de que tivese tempo nin sequera de emitir un berro, unha man férrea premía o seu rostro contra os seixos do escouredo, impedíndolle calquera move-mento…. – Será mellor que non te remexas, coelliño…
Desta maneira comeza un dos relatos do libro de Carlos Negro, “Ventos de Oiá” . Hoxe conversamos co escritor natural de Lalín que nos últimos anos desempeña un intenso labor de achegar a literatura ao público xuvenil a través de obradoiros que realiza por toda Galicia. En 2018 recibiu o premio dos Clubs de lectura por ser o autor máis lido no ano 2017 nas bibliotecas escolares.
Participaron no noso club de lectura, do outro lado, Esther Val, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz.
Pode escoitarse aquí.”