Camilo Franco: “O lector vai encontrar un exercicio case diario de baixar santos”

Entrevista de Ana G. Liste a Camilo Franco en Praza:
“O xornalista e escritor Camilo Franco presenta unha aplicación propia na que irá publicando textos breves cada semana e na que xa se poden ler ducias de pezas literarias e xornalísticas. Piso Franco é como “un Netflix de Camilo Franco” co lema “a palabra para quen a traballa” detrás. Unha experiencia novidosa na que as lectoras e lectores poden “subscribirse a un autor”. Así a define o propio autor, quen advirte de que non faltará a ironía sobre a actualidade nesta “nova versión do libro de peto”.
– Praza (P): Non se esgotan nunca as construcións irónicas co teu apelido?
– Camilo Franco (CD): Non. Igual que tivemos 40 anos de ditadura e 40 de democracia, agora necesitamos 40 anos de ironía, a ver se con ela conseguimos poñernos no lugar que nos corresponde.
– P: E ese lugar é dixital?
– CF: O lugar que nos corresponde como sociedade galega é un no que, evidentemente, non estamos agora. O dixital forma parte dun conxunto de ferramentas e lugares públicos dunha sociedade, e aí creo que tampouco estamos. E creo que nos faría falta estar porque hai unha competición aberta, incluso podemos chamarlle guerra se nos poñemos dramáticos, e como sociedade non estamos, pero culturalmente tampouco; ou estamos nunha posición que non é a que nos correspondería se tivésemos outras ambicións. (…)
– P: Centremos o tema, vas publicar relatos nunha aplicación que é como un Netflix de literatura?
– CF: Bueno, un Netflix de Camilo Franco, non da literatura mundial. O que estou facendo, no fondo, é imitar un comportamento que parece normal en case todas as cousas do consumo cultural, sobre todo do popular, e adaptalo ao que me parece que eu podo responder. E o que podo responder é literatura. Igual que a xente se subscribe a Netflix, HBO ou ao que queira que se subscriba, pois podes subscribirte a un autor. O que o autor promete son dous textos semanais, como mínimo, nos que haberá maioritariamente literatura pero tamén xéneros mixtos. Iso que eu non podería ter feito nun xornal porque a combinación de xéneros non gusta, ou porque determinados argumentos non podían ser, aquí si que o podo facer. Creo que haberá algún xénero novo, non vou descubrir a pólvora, pero farei cousas que antes non me estaban permitidas.
– P: Entón, haberá política?
– CF: Si, é que o imposible é que non haxa política. Creo que case todos os que están definindo hoxe a sociedade menten a propósito. Agora mesmo só hai dous grandes argumentos na sociedade contemporánea e ningún é o amor. Hai un argumento predominante, chámase economía, e hai un argumento que está perdendo historicamente a importancia que tiña que ter, que é a política. Hai unha conexión moi intensa entre eles dous, porque unha parece depender da outra, e aquí é onde se está torcendo a historia. Debera ser a economía a que dependese da política, pero está sendo ao revés, e iso está a torcer calquera horizonte de mellora social. Na conxuntura actual xa non é posible separa ambas cousas. (…)”